Juan Carlos Alonso Pita naceu en Ferrol o 6 de xullo de 1886, e aquí viviu ata a morte do pai, contramestre da Armada, cando decidiu emigrar á Arxentina, probablemente con quince anos. Tiña dezaseis cando entrou de recadeiro na revista Caras y Caretas, dirixida artísticamente polo galego José María Cao, quen descubriu o seu talento de debuxante e pasouno de recadeiro a viñetista.
En poucos meses Alonso fixo espléndidos debuxos nunha revista con vinte mil exemplares de tirada, traballando a carón dalgúns dos máis prestixiosos debuxantes naquel país, no que tantos había. Ademais de humorista gráfico e caricaturista, en pouco tempo converteuse en excelente ilustrador e cartelista.
As colaboracións en publicacións como Crítica, El Diario, Ultima Hora, e La Razón; a responsabilidade da dirección das revistas Caras y Caretas, que asumiría no 1919, e Plus Ultra, da que foi fundador, converteron a Juan Carlos Alonso no debuxante máis valorado e prestixioso de Sudamérica. En España a crítica repite os mesmos eloxios, e José Francés, organizador dos Salóns de Humoristas, recoñece nel un artista orixinal, extraordinariamente dotado e cunha depuradísima técnica persoal.
Alonso fixo, ademais, numerosas exposicións de pintura, que a crítica acolleu con entusiasmo. Participou no Salón de Artistas Arxentinos en París, no ano 1923 e no 1924 obtivo o Premio Cruz de Alfonso XII na Exposición Nacional de Bellas Artes, celebrada en Madrid. O Goberno español concedeulle a Encomienda de Caballero de la Orden de Alfonso XII, e a Real Academia Galega nomeouno corresponsal na Arxentina.
Morreu o 15 de febreiro de 1945 sen volver a Galicia, e lamentouno. Nunha entrevista recoñecía: Yo he salido de Galicia para volver a Galicia. Desde el momento en que abandoné nuestra tierra, ya su llamada no me dejó vivir en paz.
Na presentación da mostra antolóxica que inauguramos o 1 de xullo dentro da celebración da II Festa da Caricatura Cidade de Ferrol e na conferencia que sobre el e a súa obra din na Galería Sargadelos, tentei salientar as excepcionais cualidades deste artista ferrolán que, na miña opinión, acadou unha calidade como caricaturista que non foi igualada por ninguén.