Puntadas sen fío: Matar con pregarias

Puntadas sen fío: Matar con pregarias por Siro
Puntadas sen fío: Matar con pregarias por Siro

Cando souben que nun canal de Youtube varios homes de negro xogaban a ser graciosos pensei que poderían ser imitadores de Les Luthiers facendo “La gallina dijo: ¡Eureka!”, que me gusta moito; pero non eran imitadores de Les Luthiers, que eran os sacerdotes da tertulia La Sacristía de La Vendée falando do papa. Un dicía:

–Yo rezo mucho por el Papa, para que pueda ir al Cielo cuando antes.

E todos rían coa picardía, e sumábanse ao rezo:

         –Yo me uno a esas oraciones por el Santo Padre.  

–Somos muchos con esa intención.

–Pues a ver si rezamos más fuerte.

Son cregos enrabechados coa política diocesana –que coidan de templagaitas– e presentan o programa como “una tertulia sacerdotal contrarrevolucionaria y una humilde trinchera de Cristo Rey”. Era boa! De contrarrevolucionaria, nada: tridentina. E de humilde, menos; porque o pecado destes cregos é a soberbia. Síntense por riba dos bispos e de Deus, e por iso un día eloxian a vida de Franco e outro rezan pola morte de Francisco. De xente así fala a Epístola aos Romanos: “Profesando ser sabios, fixéronse necios”.

Son necios, si; e ao verse sinalados en Religión Digital como “parvos” e “ovellas negras” por membros da Conferencia Episcopal e sacerdotes de distintas dióceses, defendéronse dicindo que fora broma, despois que foran mal entendidos, e remataron facéndose os agraviados, negando a acusación talmente como Aznar e Acebes negan aínda hoxe a autoría xihadista dos atentados do 11M; e suspenderon o programa.

         O malo é que a Sociedad Sacerdotal de los Apóstoles de Jesús y María, que naceu “para combatir la gravísima crisis causada en la Iglexa por el concilio Vaticano II” e ve en Francisco “un papa demoledor de la fe”, acúsaos de torpes e covardes por non defender o dereito de tentar acortar a vida do papa con pregarias e “batirse en poco honorable retirada”. Porque a tal distanciamento da mensaxe de Xesús chegou o catolicismo integrista e non tan integrista, que desexar a morte do papa é lícito cando se cumpren as condicións que o teólogo español Antonio Royo Marín –seguindo a Tomás de Aquino– sinalara na Teología Moral para Seglares, en 1964: “Pero es lícito desear (…) la muerte de un escritor impío o de un perseguidor de la Iglesia para que no siga haciendo daño a los demás”. E, claro, como Francisco é comunista e ata pode que o mesmísimo anticristo, orar para que vaia ao Ceo polo atallo é o máis natural nestes lexionarios da fe e da Igrexa.

Aos catoliquísimos oíntes facíanlles tanta graza como se imitasen a Les Luthiers e cantasen:

“La gallina estaba clueca,
             puso un huevo y dijo: ¡Eureka!”.

Deixa un comentario