Debuxante e Pintor
Aos tres anos, ao ir á cama, sabía que en canto espertase, a miña nai me levaría á cama unha cunca de malte con pan e despois lapis de cores e papeis para que os enchese de borróns e garabatos, mentres ela facía os labores da casa. Desde entón non deixei de debuxar.
Aos dez, once, doce anos, debuxaba mulleres belidas, encoiras, para os meus amigos; aos catorce facía retratos das miñas amigas; aos dezaoito decateime de que podía facer caricatura; aos vinte coñecín as Cousas da vida, de Castelao, e tracexei os primeiros debuxos de humor; aos vintecinco descubrín a Pascin, que me mostrou un camiño novo e suxerente. Deica entón sentírame atraído pola liña, pero, con Pascin como mestre, atrevinme a crebar e duplicar ou triplicar os riscos, descubrín a beleza do imperfecto, debuxei con pincel, experimentei con papeis e cartóns de distinta textura, combinei liñas e manchas…