Aos tres anos, ao ir á cama, sabía que en canto espertase, a miña nai me levaría unha cunca de malte con pan e despois lapis de cores e papeis para que os enchese de borróns e garabatos, mentres ela facía os labores da casa. Desde entón non deixei de debuxar. Aos dez, once, doce anos, debuxaba mulleres belidas, encoiras, para os meus amigos; aos catorce facía retratos das miñas amigas; aos dezaoito decateime de que podía facer caricatura; aos vinte coñecín as Cousas da vida, de Castelao, e tracexei os primeiros debuxos de humor; aos vintecinco descubrín a Pascin, que me mostrou un camiño novo e suxerente. Deica entón sentírame atraído pola liña, pero, con Pascin como mestre, atrevinme a crebar e duplicar ou triplicar os riscos, descubrín a beleza do imperfecto, debuxei con pincel, experimentei con papeis e cartóns de distinta textura, combinei liñas e manchas…
Estudioso de grandes debuxantes
Nunca asistín a unha escola de belas artes, nin tiven un profesor que me aprendese, pero de ningún xeito son autodidacta, porque non deixei de estudiar os grandes debuxantes que fun descubrindo nunha apaisionante itinerancia pola historia da arte. Recoñezo incontabeis mestres, desde Rembrandt e Goya a Matisse e Picasso, pasando polos galegos Maside, Seoane e Díaz Pardo. Eso explica a variedade formal dos meus debuxos, con técnicas e estilos moi distintos, que responden aos xéneros ou temas tratados e, sobre todo, á intuición ou inspiración de cada momento.
Sentíame tan seguro coa tinta, a plumiña e o pincel, que durante anos rexeitei a cor. Ata que un día sentín a necesidad de experimentar con ela, e fíxeno con cautela e temor. Empecei a construír imaxes pictóricas con lapis de cores, e despois con pasteis e ceras. Cando me convencín de que tamén na plástica podía ser bilingüe, atrevinme coas témperas e o óleo. Gustáronme as témperas, pero o óleo… ¡Ouh, o óleo! Ata o arrecendo me seduce.
E ao pintar vin a pintura con outros ollos, e entendín mellor a obra dos grandes artistas e a evolución e involución da arte. Pero tamén comprendín que non existe un único estilo para min. Un tema suxíreme unha interpretación “impresionista”, e cando o remato decátome de que “vexo” outra versión “expresionista”, igualmente atractiva. Un modelo suxíreme inicialmente un tipo de retrato, pero, mentres traballo nel, arelo rematalo para facer outro completamente diferente. Por eso arranxei exposiciones aedicadas a Picasso, Valle Inclán e Ramón Piñeiro, xogando cos seus rostros e as súas fisonomías, en obras tan distintas que semellan doutros tantos autores.
Sei que esto non é comercial, pero, aínda que soe a tópico, sempre debuxei e pintei para min.