Pode que en todas as civilizacións a muller fose considerada inferior ao home, pero na xudea xa é antes de nacer. No Antigo Testamento (Levítico, Capítulo 12), Yahvé explica a Moisés que cando unha muller dá a luz un varón queda impura sete días e durante corenta non poderá tocar cousa santa nin ir ao santuario. Pero –ollo!–, se dá a luz unha nena, quedará impura dúas semanas e non tocará cousa santa nin irá ao santuario durante oitenta días.
Que nunha sociedade tan radicalmente patriarcal Xesús non discriminase a muller, senón máis ben o contrario, tivo que resultar escandaloso; como escandalosas serían as palabras de san Pablo: “En Cristo xa non hai xudeu ou grego, non hai servo ou libre, non hai varón ou muller, porque todos son un en Cristo Xesús”. (Gálatas 3,26-28). O que pasa é que san Pablo, como tantos outros líderes, non cría no propio discurso, e na Epístola aos Colonenses ordena: “Mulleres, sometédevos aos vosos maridos como convén no Señor”. A mesma mensaxe fíxoa chegar aos efesios e aos corintios, pero nesta última epístola engade que as mulleres non falarán nas asembleas porque é indecoroso e se queren aprender algo, os seus homes explicaranllo na casa.
O malo foi que os bispos seguiron a san Pablo e non a Xesús, e durante dous mil anos as mulleres foron no mundo cristián “seres para outros”, incapaces de protagonizar as propias vidas e moito menos de seren suxeitos históricos. Por iso o xesuíta Enrique Herrera Horia celebrou a Reforma do Ensino Medio na España Nacional, en 1938: “Vuelta a la sana tradición que veía en la mujer la hija, la esposa, la madre, y no la “intelectuada” pedantesca que intenta en vano igualar al varón en los dominios de la ciencia. Que seáis mujeres de casa. No sabidillas, sino sabias de las cosas de casa”. E por iso, en 1941, o cardeal Segura prohibiu a presenza da muller nas procesións penitenciais da Semana Santa sevillana.
O que si recoñeceron os bispos na muller é a condición de “escuro obxecto de desexo”, que as moi perversas salientan con malas artes e mañas. En 1951, o sacerdote falanxista Venancio Marcos dicía nunha charla de orientación relixiosa: “Así ¡cómo no van a pecar los pobres hombres! La culpa la tienen ellas. ¡Si fuesen un poco más recatadas!”. E en 1960, o capuchino Quintín de Sariegos no libro Luz en el camino: “En el 90 % de los casos, son ellas las que desperezan la fiera que duerme en la naturaleza del hombre con el ofrecimiento de su cebo apetitoso”.
Non é auga pasada. O catolicismo integrista mantén estas ideas e ata quere que a muller volva levar velo no templo: “Muller, entra na igrexa coa cabeza cuberta, co orgullo de ser sumisa, humilde e obediente, sabendo que honras a Deus”. Por iso coido que o feminismo debería poñerlle un chisco de humor ao Día da Muller honrando a Eva, que comeu a mazá da sabedoría e deulle a Adán o carozo.