Cheguei ao xornalismo no ano 1970, apadriñado por Raimundo García Borobó, que dirixía en Madrid a revista Chan. Borobó presentoume en Chan como humorista gráfico, e desde entón non deixei de exercer como debuxante humorista e caricaturista en distintas publicacións galegas, ata chegar á redacción de La Voz de Galicia, onde me xubilei no 2006.
No decorrer de tantos anos, no xornalismo fixen de todo: humor gráfico, caricatura política, caricatura persoal, artigo de opinión, entrevista, reportaxe, crítica de arte… Pero en 1970 empecei a facer tamén xornalismo radiofónico. Con guións para uns espazos e como director doutros, fixen xornalismo para a TVG, nos anos oitenta e noventa.
Síntome afortunado por ter vivido desde dentro a época dourada do xornalismo en España, un xornalismo que, lamentablemente, ten pouco que ver co actual.
Radio
Cheguei á radio no ano 1970, como guionista do programa cultural O espello, que na cadea COPE facía en Ferrol a locutora Xulia Díaz Sixto. Empecei escribindo diálogos humorísticos, despois entrevistas a escritores e artistas galegos, e cabo dalgúns anos fun o realizador e presentador do mesmo, ata o 1985.
Radio Nacional de España na Coruña contratoume no ano 1983 para facer unha serie de programas nos que analizaba as peculiaridades do humor popular galego e a súa repercusión na obra dos nosos escritores. Aquel espazo titulado O humor en Galicia, de emisión semanal, mantívose en antena durante ano e medio.
No 1985 dirixín en Antena 3 Galicia o curso radiofónico Galego coloquial, en colaboración co Instituto da Lingua Galega.
Desde ese mesmo ano presentei e dirixín distintos programas culturais e humorísticos en Radio Voz Galicia. O máis coñecido é o espazo humorístico Corre Carmela que chove, que se emite semanalmente desde 1990 e que no 1994 obtivo os premios Galicia de Comunicación, da Xunta de Galicia, e a Curuxa do Humor, do Museo do Humor de Fene. Desde o ano 2006 son só o guionista do programa.
Televisión e cine
Os meus primeiros traballos en TV foron como guionista e narrador de programas de difusión cultural, como as series Mosteiros e Lendas, realizadas nos anos 1986 e 1987 para a productora Voz TV.
No 1989 escribín os guións e deseñei as marionertas do curso de galego ¿Imos aló?, que emitiu a TVG ese mesmo ano. Foron 50 leccións, que tiveron continuidade nuha segunda parte, con actores, no 1990. Neste mesmo ano realicei os monográficos Castelao humorista literario e Castelao humorista gráfico, para a TVG.
A comezos dos anos noventa dirixín a serie Riscos, na que entrevistei a medio cento de artistas plásticos galegos, que en vinte minutos falaban da súa vida e da súa obra.
Durante o ano 2010 levamos o programa Corre Carmela que chove a VTv.
No ano 2008 fixen a versión galega da película A crise carnívora.