Puntadas sen fío: Ano bisesto

Puntadas sen fío: Ano bisesto por Siro
Puntadas sen fío: Ano bisesto por Siro

O proverbio castelán Año bisiesto, año siniestro ten orixe na crenza dos cidadáns do Imperio romano en que a festa da Parentalia, que celebraban en febreiro para honrar os mortos familiares, eran días nefastos nos que ninguén casaba nin viaxaba nin facía negocios. Algunha razón debían de ter porque todos os anos bisestos recentes foron malos ou moi malos. Terrible o 1972, con dous obreiros mortos en Ferrol, nun enfrontamento coa policía durante un conflicto laboral e, por se non fose traxedia abondo, en 1972 naceu o Pedro Sánchez felón, vendepatrias e presidente de Gobernos Frankenstein. Cando Benedicto XVI advertiu ao exministro Jorge Fernández Díaz de que o demo está encirrado en destruír España e souben que Pedro Sánchez veu ao mundo mesmamente un 29 de febreiro, pregunteime: «Terá Pedro Sánchez a marca da Besta? Será o presidente un servidor de Satanás?». Seguro que media España pensa que si.  

Moito antes, no ano bisesto 1892, naceu Francisco Franco co selo invisible de Deus. Sóubose que o tiña noutro ano bisesto, o 1936, cando salvou España do comunismo e da barbarie e foi recoñecido por relixiosos e segrares como «Enviado de Dios hecho Caudillo», «Espada del Altísimo», «Mesías de la redención cívica», «Caballero de la Milicia de Jesucristo» e, segundo Giménez Caballero, «Falo incomparable». Porén, este home providencial, Caudillo e pai dos españois de ben, pasouno mal no ano bisesto 1940, cando un exoficial do exército austrohúngaro lle fixo crer que podía fabricar gasolina sintética con auga destilada, fermentos de plantas e un produto secreto da súa invención. O Goberno anunciou con fachenda que «este carburante del que se han hecho pruebas con el mayor éxito (…) proporcionará un ahorro anual de 150 millones en divisas». Un día o inventor desapareceu, e Franco, burlado, buscou alternativas no uso do gasóxeno e nos coches mixtos de motor e pedais.

Apocalíptico foi o bisesto 2020, no que a peste volveu en forma de covid e causou máis de 120.000 mortos en España e preto de sete millóns no mundo. Porén, a pandemia non foi mala para todos, que multiplicou o número de millonarios e enriqueceu a outra xente, con métodos lícitos nuns casos e ilícitos noutros. Neste aspecto o bisesto 2024 empeza ben en España porque a policía e a xustiza parecen dispostas a desenmascarar os canallas que aproveitaron o medo e a anguria colectivos, e a falta de control dos fondos públicos para arranxar tramas de corrupción. Chegarán ao fondo, en todas as direccións, ou quedarán a medio camiño? Xa se verá.

Deixa un comentario