Puntadas sen fío: Ser ou non ser

Puntadas sen fío: Ser ou non ser por Siro
Puntadas sen fío: Ser ou non ser por Siro

Ana Pontón compareceu o pasado luns ante os medios de comunicación, leda como un axóuxere polo espectacular aumento de votos do BNG, e dixo que se sentía con máis ganas, máis forza e máis azos que nunca para enfrontarse ao futuro político. Non é para menos. Certo que non tivo votos abondo para ser a primeira presidenta da Xunta de Galicia, como anunciara na campaña, pero meteulles tal medo no corpo aos dirixentes do PP que recurriron á guerra suxa e distribuíron un vídeo no que a cualificaban de “a Otegi de Galicia”. Agora, despois de obteren a maioría absoluta, volven sacar peito e minimizan a importancia do incremento de votos do BNG porque llos quitou ao PSOE, non ao PP.

É así, pero a campaña electoral confirmou que Ana Pontón, ademais de ser un merlo branco para o BNG, ao que colleu cando estaba en perigo de desaparecer ou ficar como un partido residual, e convertiuno na segunda forza política, é unha líder excelente. De tan bo modo “que nin sequera parece do Bloque”, e capaz de engaiolar co seu discurso a un sector da poboación moi amplo. Por iso, eufórica, di que o nacionalismo non ten teito electoral en Galicia. A min paréceme optimismo de máis, pero coido que o BNG con Ana Pontón pode facer seu o espazo político que outrora ocuparan PSG, POG, Partido Galeguista, Coalición Galega, Unidade Galega e demais partidos e coalicións que ilusionaron e frustraron un electorado sempre arelante.

Como? Sendo consecuente co que predica. Nunha entrevista con Gabriel Rufián, en 2022, afirmou: “O máis importante dun político é dar a coñecer quen é e que valores ten. Dicir a verdade á xente é fundamental. A verdade é un valor revolucionario en política. O político necesita ter credibilidade”. Pois ben, a día de hoxe eu non sei se Ana Pontón é independentista e se o é o seu BNG. Un día responde que “a independencia non está no programa do BNG” e o seguinte di que “o BNG está onde estivo sempre”. Despois aparece Néstor Rego e proclama que “Galiza será, máis pronto que tarde, unha república independente”.

Ignoro cantos deputados, alcaldes, concelleiros e votantes do BNG están pola independencia de Galicia, pero sospeito que son pouquísimos; polo que se Ana Pontón quere subir o teito electoral do BNG terá que se deixar de evasivas e ambigüidades. Se ela e o seu BNG non son independentistas, é o momento de dicilo; e se o son, tamén. En calquera caso, quero recordar que en 1994 o candidato do BNG ao Parlamento Europeo foi Carlos Mella, economista formado na Sorbona e exvicepresidente da Xunta de Galicia. Nunha reunión do partido falouse da independencia de Galicia como meta, e Mella dixo que poderiamos tela se estabamos dispostos a pasar fame. Francisco Rodríguez botouse a el e preguntoulle, irado, por que dixera iso, e Mella respondeulle: “Porque é a verdade”.

A verdade, Ana, a verdade, clara, diáfana, transparente.

Deixa un comentario