Puntadas sen fío: San Valentín, Romeo e Xulieta

Puntadas sen fío: San Valentín, Romeo e Xulieta por Siro
Puntadas sen fío: San Valentín, Romeo e Xulieta por Siro

Escena I e única

Noite de San Valentín. Romeo gabea o muro de pedra e cun brinco entra no xardín dos Capuleto. Ao fondo, o pazo señorial e sobre a porta barroca o escudo do PP entre as bandeiras galega e española. Á esquerda da fachada, Xulieta, no pequeno balcón da súa alcoba, co cóbado na baranda e a man na meixela, parece soñar.

Romeo: Que luz brilla naquela xanela? É o Oriente? É o Sol? É Xulieta! Envexa ten a Lúa da súa beleza. Quen fose luva na súa man para acariñar tan lindo rostro!

(Corre cabo dela e Xulieta sobresáltase).

Xulieta: Ai de min!

Romeo: Segue a falar, meu doce ben. Regálame o do re mi fa sol da túa voz.

Xulieta: Oh, Romeo, Romeo, Romeo, como chegaches aquí?

Romeo: Nas ás de Cupido pasei o valo. Ningún peche pode deter este amor meu!

Xulieta: Temo por ti, amantiño. Temo pronunciar o teu nome. Se os meus te descubrisen…

Romeo: Máis temo os teus ollos, Xulieta adourada, que a xenreira da túa xente!

Xulieta: Oh, Romeo idolatrado, non podemos vivir medoñentos un amor tan excelso. Rexeita a Pedro Sánchez! Renega do Goberno Frankenstein! Ven ao Partido Popular e os meus abriranche as portas da casa, os brazos e o corazón!

Romeo: Xulieta amantísima, os Montesco somos socialistas desde 1879, cando Pablo Iglesias “O Bo” creou o PSOE, e estamos orgullosos dos valores que nos transmitiu! 

Xulieta: Pero agora, xentil Romeo, ides da man con Bildu, Esquerra e Junts, que queren romper España…!

Romeo: Erras, anxo de amor. É o PP quen pon en perigo a democracia en España, ao se aliar cos neofranquistas de Vox…!

Xulieta: Cegáronte con malas artes, incauto Romeo. A túa apostura non é a da vil canalla nin a dos desleigados rompepatrias! Ti es dos nosos. Ti es “xente de ben”.

Romeo: Non tal, Xulieta adourada. (Abre os brazos e recita). Eu son dos que “aturan rexamente mentiras e inxustizas a cotío; dos que súan e choran un pranto cotián de bolboretas, de lume e vento sobre os ollos nús”!

Xulieta: Que versos máis chorras, Romeo!

Romeo: Son da Longa noite de pedra, Xulieta. A longa noite que perdura na estrutura caciquil do PP!

Xulieta: Ha, ha! Para cacique o Pedrito felón e golpista, Romeo!

Romeo: Ha, ha! Para caciques os do PP, Xulieta. O terror das monxas e dos vellos dos asilos!

Xulieta: Ignoraba que foses tan zoquete, Romeo!

Romeo: E eu que foses tan obtusa, Xulieta! 

Xulieta: Pois xa estás largando antes que che guinde a maceta á cabeza, gilipollas!

Romeo: Agora mesmo e nin atrás miro, zoupona!

Xulieta: Recordos a Pedro e Puigdemont, picholiñas!

Romeo: E ti a Feijoo, Abascal e á garda neonazi, fachicocha!

Xulieta: Vai á…!

Romeo: Vai ti!

Cae o pano con enorme estrondo, como se san Valentín o tirase desde o Ceo.

Deixa un comentario