Puntadas sen fío: Eleccións

Puntadas sen fío: Eleccións por Siro
Puntadas sen fío: Eleccións por Siro

As primeiras eleccións que recordo en España son as municipais de 1954, cando tiña once anos. E non as de Ferrol, nas que, como estaba previsto, saiu o alcalde posto a dedo en 1950, senón as de Madrid, onde se produciu un pucheirazoescandaloso do que me informou meu irmán, vinteún anos maior ca min e que marchara á capital cando eu nacera.

         As eleccións municipais empezaran a celebrarse en 1948, como unha trécola de Franco para aparentar a apertura do Réxime ante os vencedores da Guerra Mundial, pero estaban controladísimas pola Falanxe e non había máis candidatura que a oficial, integrada por falanxistas identificados co Réxime. Os críticos estaban vetados porque a Falanxe, que anoxaba as eleccións e seguía pensando que o mellor uso das urnas era rompelas, quería ser “movimiento que une y no partido que divide”.

Aquel ano 1954 apareceu en Madrid a Candidatura Independiente, formada polos monárquicos Joaquín Calvo Sotelo, Juan Manuel Fanjul, Torcuato Luca de Tena e Joaquín Satrústegui. Todos apoiaran o Alzamento en 1936, pero decontado pasaron a seren inimigos a erradicar. A persecución que sufriron nos días previos e na propia cita electoral nárrase na carta que tres días despois enviaron a Carrero Blanco, Ministro Subsecretario da Presidencia, que nunca respondeu. Esa carta deuna a coñecer Joaquín Satrústegui en 1976 como documento adxunto á entrevista que lle fixo o xornalista Julián Lago no libro Las contramemorias de Franco, e é unha restra de denuncias:

A Candidatura Independiente non puido publicitarse na rúa porque a policía detivo o persoal contratado para pegar os carteis. Nin en prensa e radio, porque a censura o prohibiu. Grupos violentos, armados con pistola nalgúns casos, agrediron a repartidores de candidaturas, incluída a dona de Satrústegui, atendida na Casa de Socorros. E a un mutilado de guerra, ferido cinco veces durante a Cruzada, que dispuña o traslado dos interventores aos colexios electorais; e ao poeta Leopoldo Lovelace para roubarlle as credenciais de 23 interventores. Douscentos interventores coa documentación en regla foron rexeitados polos presidentes de mesa, sabedores do que facían, porque nas mesas onde a Candidatura Independiente tivo interventores, duplicou os votos da Oficial; e onde non os tivo, a Oficial multiplicou por oito os da Independiente.

         Os ferroláns antifranquistas tomaron con humor aquelas óperas bufas. Non votaron, e cando corría o viño cantaban nos bares:

Los concejales de Amén

dicen a los de Así Sea:

–Díjolo el señor alcalde,

cabrón el que no lo crea.

Deixa un comentario