Hai moitos anos que admiro a Xosé María Cao Luaces, o gran debuxante galego que despois dunha amplísima e extraordinaria colaboración en distintas publicacións bonaerenses, a finais do XIX e comezos do XX, foi recoñecido como “patriarca da caricatura arxentina”. Cómpre ter en conta que na Arxentina abondaban os profesionais do humor gráfico, chegados de toda Europa; moitos deles con enorme talento.
De Xosé María Cao tiñamos en Galicia escaso coñecemento. Polos comentarios de Alberto Vilanova, Francisco Lanza e Luís Seoane sabiamos que era de Cervo e emigrara a Bos Aires con 25 anos, que trunfara artísticamente e que como director da revista Caras y Caretas acadara prestixio internacional. E pouco máis.
No ano 1992, despois de adquirir un número importante de publicacións nas que colaborara Xosé María Cao, escribín a biografía máis ampla e documentada ata aquel momento, que a Deputación de Lugo editou no 93, co título O caricaturista Xosé María Cao. Trátase dunha edición coidadísima, digna da categoría do biografado. Despois, a consellería de Educación faría outra máis sinxela para levala aos colexios e bibliotecas de Galicia.
Aínda volvín tratar de Xosé María Cao na única obra de teatro que escribín, a titulada Hai que confiar na esperanza, que obtivo no 2004 o Premio Álvaro Cunqueiro, da que Cao é protagonista.
Foi entón cando o investigador arxentino Julio Mauricio Neveleff, que traballaba nunha biografía de Cao, contactou comigo para intercambiar información e opinións, nunha relación epistolar a través do correo electrónico, durante varios anos. Neveleff é hoxe o gran biógrafo de Cao, e o Club de Prensa de Ferrol invitouno a participar no Curso Gurmández do ano 2014, que tratou de Humor e ideoloxía en tempos convulsos. Ademais da conferencia na que Neveleff tratou aspectos da vida de Cao absolutamente descoñecidos, o Club de Prensa montou unha exposición de 39 paneis de grandes dimensións, coas reproducións doutras tantas obras de Cao, unhas de humor gráfico, outras con caricaturas.
Sen embargo Xosé María Cao segue a ser un descoñecido en Galicia e ese absurdo témolo que arranxar canto antes. O Club de Prensa de Ferrol cedeu a exposición de Cao ao Museo do Humor de Fene no mes de setembro, e eu din una conferencia sobre a vida e a obra deste artista galego, que malia pasar a maior parte da súa vida en Bos Aires, non deixou de sentirse galego e de exercer de galego. No ano 2016 a exposición itinerará por distintas cidades galegas e falaremos de Cao, da súa obra e da súa vida de home idealista, de rexa conciencia ética.
Temos que conseguir que Xosé María Cao Luaces sexa tan coñecido en Galicia coma o mesmísimo Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, discípulo seu, por certo, aínda que indirectamente.
Vede e admirade algunhas viñeta de Cao. Seguro que pensaredes coma min, que non pode seguir sendo ignorado na súa terra.