Xosé Fortes Bouzán no Clube de Prensa de Ferrol

clube prensa de ferrol
Siro, Xosé Fortes Bouzán, Miguel Fernández y Fernández

O Clube de Prensa de Ferrol organizou o pasado venres, día 14, unha conferencia de Xosé Fortes Bouzán que tratou o tema “A Unión Militar Democrática e os medios de comunicación”. Xosé Fortes Bouzán, é un dos once dirixentes da UMD detidos a finais de xullo de 1975, que serían condenados a durísimas penas en consello de guerra, en 1976, por “conspiración para a rebelión”. Non houbo tal conspiración, porque o único que os membros da UMD pretendían era que o Exército non interviñese en política. Fortes explicárao cunha frase que recolleran os medios de comunicación da época: “O Exército era o maior atranco para a transición á democracia, e o noso obxectivo era mollarlle a pólvora”.

O salón da Galería Sargadelos de Ferrol encheuse de xente que, por idade, recordaba e valoraba a valentía e a ética daqueles mandos militares que, por conviccións democráticas, se expuxeran a perder as súas carreiras profesionais, e perdéranas.

Pero esta conferencia organizada polo Clube de Prensa de Ferrol supuxo un caso insólito nas moitas que se teñen feito en toda España sobre a UMD, porque na mesa estaba o almirante Miguel Fernández y Fernández, que fixo unha introdución ao tema da conferencia, explicando como eran as Forzas Armadas nos anos en que naceu a UMD.

Miguel Fernández, naceu en Vigo, no ano 1940. É almirante da Armada en situación de retiro dende o 2005. Está en posesión do Diploma de Guerra Naval e do de “Mastar en Management” pola NPGS de Monterrey, California (EE.UU). Foi Agregado Naval ñas Enbaixadas de Bonn e Washington (EE.UU). Como Almirante foi Xefe do Estado mayor e Xefe do Arsenal Militar, en Ferrol; e estivo ao servizo da OTAN en Norfolk (EE.UU), Oeiras (Portugal) e Bruxelas (Bélxica). Foille concedida a Medalla dos Servizos Distinguidos da OTAN.

Na miña condición de presidente do Clube de Prensa de Ferrol acompañeinos na mesa e presenteinos de forma breve:

“(…) o Clube de Prensa de Ferrol organiza hoxe un acto que a min, personalmente, me resulta especialmente emotivo: unha conferencia de Xosé Fortes Bouzán sobre a UMD e os medios de comunicación. Coido que esta conferencia será para todos nós unha viaxe nostálxica a un tempo de idealismo, pero estou certo de que será moitas cousas máis.

Vedes que me acompañan na mesa Xosé Fortes e Miguel Fernández. Vounos presentar ao alimón, porque hai neles coincidencias que me moven a facelo. Os dous son militares; de Mariña, Miguel Fernández; de Infantería, Xosé Fortes. Os dous son homes da cultura: pintor, poeta e narrador de contos para nenos, Miguel Fernández; historiador con excelentes traballos publicados, Xosé Fortes; e os dous son homes entrañabeis. Fortes, o meu amigo Pepe Fortes, é unha das persoas máis cordiais que coñecín na miña vida; Miguel, a quen empecei a tratar recentemente, é un home que gaña nas distancias cortas e que me sorprende gratamente cada día. Por último, os dous fan extraordinariamente ben todo o que se propoñen e todo o que lles propoñen. A Xosé Fortes propuxémoslle unha conferencia sobre “A UMD e os medios de comunicación”, e a Miguel Fernández que faga unha introdución ao tema. Eu non sei que vai dicir, pero sei que o que diga estará ben dito.

Só me queda suliñar que o almirante Miguel Fernández fixo unha brillantísima carreira profesional, e a de Fortes caeu en picado cando só era capitán, aínda que, despois de rehabilitado chegou a coronel. Menos coñecido é o dato de que nunha película de José Luis Cuerda fixo o papel de xeneral, pero, por razóns técnicas esas imaxes desapareceron da película, e eu sentino moito porque me encantaría velo co uniforme de xeneral”.

O acto pechou cun coloquio no que interviron os dous oradores, e eu, polo avanzado da hora, vinme na necesidade de interrompelo cando máis animado estaba.

Deixa un comentario