A puta Morte

Non teño nada, pero nada de nada, nadiña, contra as mulleres que exercen a prostitución. No barrio de Esteiro, en Ferrol, onde nacín e medrei, había varios prostíbulos e cando publiquei o libro “Xente na brétema”, no que evoquei os personaxes populares naquel Ferrol de posguerra, os que protagonizaron a historia máis íntima e entrañable da cidade, falei delas con afecto nalgunhas páxinas.

Entón, por que nestas viñetas represento a Morte como prostituta? Por dúas razóns. A primeira, porque tampouco teño nada contra a Morte, que é “unha mandada” e fai o que lle encomendou aquel deus Yahvé, permanentemente irado, cando a puxo no mundo. A outra é para actualizar as imaxes medievais das “danzas macabras” ou “danzas da Morte”. Xa sabedes: a Morte, representada coma un esquelete, invita á xente que leva a facer danzando o camiño ao Alén.  Pois se do que se trata é de desdramatizar o trance, eu, na vez de danzar con ela, prefero dármonos un revolcón. Que mellor promesa de infinitos praceres que a desta puta Morte, con miles de anos de experiencia e que non fai distingos entre homes e mulleres?

Eu, para moitas virguerías non estou, pero se me atrae e me leva, deixareille a iniciativae ata o que o corpo resista.

1 comentario en “A puta Morte”

  1. Encanta me o teu humor e os debuxos espectaculares, pero aconselleche que non te deixes liar de momento que para eso xa teras tempo.

    Responder

Deixa un comentario