Este conto que eu escoitei hai moitos anos aquí, en Galicia, escoitábao Jardiel Poncela de neno en Quinto del Ebro, Aragón, a terra natal do seu pai, onde el pasou longas tempadas.
Ó humor pásalle como á medicina, que chegamos a coñecelos, a gozalos e a aceptalos como propios, aínda que resulte difícil fixar as súas orixes.
Por exemplo hai un conto titulado Os avisos da Morte, que polo contido, pola estructura narrativa e polo humor podería ser árabe, pero é galego de pura cepa. Di así:
Un rapaz atopouse un día coa Morte e camiñaron xuntos un bo cacho, falando animadamente ata que chegou o momento de separarse. Na despedida a Morte díxolle:
–Pois ata que veña por ti.
E o rapaz comentoulle:
–Pois xa que somos amigos vouche pidir un favor.
–Ti dirás.
–Que cando veñas por min non me collas de sorpresa. Avísame antes.
–Avisareite, home; conta con eso.
Pasaron os anos, o rapaz fíxose home, despois home maduro e logo vello. E un día presentóuselle a Morte e díxolle:
–Veño por ti.
-¿Cómo? –Alporizouse o vello-. ¿Pero non quedamos en que habías avisarme antes de vir por min?
A morte sorriu e preguntoulle:
-¿Branqueouche o pelo?
–Branqueou.
-¿Caéronche os dentes?
–Caeron.
-¿Perdeches os folgos?
–Perdín.
-¿E logo que máis avisos querías?
E levouno.
Para continuar a lectura de Medicina e Humor escríbanos a info@siroartista.com