Azaña dicía del, en 1931: “Es un simple y su frente muy angosta”, “de una ligereza e indiscreción notables”, “lo que hará, sin duda, es proferir necedades, que las produce naturalmente”. Necidade foi enviarlle en 1930 unha carta inxuriosa a José Primo de Rivera, irmán do ditador, chamándolle “cretino”. José Antonio, o irmán Miguel e o curmán Sancho Dávila pedíronlle explicacións no café Lion D´Or, onde tiña a tertulia, e das palabras pasaron ás mans. José Antonio largoulle unha labazada e Queipo respondeulle co bastón, pero cando as trompadas e bastonadas cruzaron o ambiente, Queipo recuou varios metros e quedou de espectador. José Antonio foi cabo del e cun uppercut deixouno fóra de combate. Humillouno, pero non lle curou o ego, que seguiu menosprezando os compañeiros de armas, mesmo a Franco, a quen chamaba “Paca la culona” e alardeaba de que o triunfo do Alzamento se debía á súa acción en Sevilla. Os historiadores máis rigorosos recoñécenlle audacia na toma da cidade con escasos efectivos e denuncian que buscou o terror do inimigo ao tratar con saña os vencidos. Está documentado que a represión na provincia deixou un mínimo de 11.500 persoas asasinadas.
Caso especial é o do xeneral Miguel Campins, que tardou en sumarse ao Alzamento e cando non se entendeu co gobernador civil de Granada, o comandante Valdés –primeiro responsable do asasinato de García Lorca–, Queipo mandouno fusilar sen atender a petición de clemencia que lle fixo Franco. Meses despois, Franco non atendeu a de Queipo para indultar o xeneral Domingo Batet e fusilouno tamén, que así valoraban as vidas tan catoliquísimos espadóns.
Pero Queipo, como outros militares do bando nacional, non se rebelou contra a República, senón contra o goberno da República. El era republicano e conspirara máis que ninguén contra a Monarquía. O 15 de Nadal de 1930, con Ramón Franco, apoderouse do aeródromo militar de Cuatro Vientos, en Madrid, e proclamou por radio a República. O fracaso levounos ao exilio, pero o 14 de abril de 1931 Queipo foi recibido como un heroe e Azaña, ministro da Guerra, ascendeuno a xeneral de división. Despois, en 1934, converteuse en consogro do presidente Alcalá Zamora.
O paradóxico é que se Queipo morrese daquela, os mesmos que hoxe celebramos a saída dos seus restos do templo sevillano da Macarena veriámolo como un demócrata e un republicano exemplar; coma os mártires de Jaca, os capitáns Galán e García Hernández, que a saber en que bando combaterían se vivisen en 1936. Non é unha pregunta retórica. Dos doce tenentes que participaron con eles no intento de Jaca, seis foron fieis á República e seis uníronse aos golpistas.
Na Guerra Civil nada é tan claro como os sectarismos pretenden.
Excelente.
Moitas grazas.