Puntadas sen fío: As orellas de Carlos III

Puntadas sen fío: As orellas de Carlos III por Siro
Puntadas sen fío: As orellas de Carlos III por Siro

Minutos despois de dar os medios a nova do pasamento da raíña Isabel II, recibín un wasap coa enxeñosa caricatura do futuro Carlos III feita cunha botella de coñac e dúas orellas enormes. As orellas, grandes e de avioneta, acomplexaron ao neno e ao rapaz que Carlos foi, sobre todo cando o pai, o duque de Edimburgo, tan viril e atlético, véndoo brandiño e con afeccións á música e ás artes, decidiu envialo aos mesmos colexios onde el se formara para que saíse feito un Iron Man. Pasouno tan mal, que nunha carta á nai cualificou a súa vida de “infernal” e o pai reprendeuno severamente, instándoo a ser forte. Podería saír traumatizado e convertido nun asasino en serie ou ser toda a vida un coitado, pero salvouno o tío avó, lord Mountbatten, que lle deu afecto e un sabio consello: “Déitate con cantas mulleres poidas antes de sentar a cabeza”. E Carlos seguiuno e descubriu que as orellas de avioneta nun príncipe herdeiro resultan tan atractivas para as aristócratas casadeiras coma un corpo esculpido no ximnasio.

A primeira vez que reparei en Carlos de Inglaterra foi a mediados dos anos setenta, cando lanzou un SOS aos docentes para salvar o idioma inglés, que se falaba peor cada día. Despois souben que en 1969 pronunciara o discurso de investidura como príncipe de Gales en idioma galés e que en 1980 apoiou a campaña para que Gales tivese un canal de televisión no propio idioma. Caíame ben e amolábame que os caricaturistas só visen nel unhas orellas como ás de morcego, porque era home progresista, comprometido coa xustiza social, a defensa da natureza, a medicina alternativa, a agricultura ecolóxica… E home culto, ademáis: o primeiro membro da familia real con título universitario; falaba francés e alemán; tocaba o chelo e o piano; pintaba á acuarela…  

E un día souben da canallada que coa complicidade de Camila Shand fixera a unha moza romántica e candorosa chamada Diana Spencer. Despois do tráxico desenlace tireille unha caricatura feroz, impropia de min, pero non atendín ás orellas e convertino nun conde Drácula cos caninos enormes pingando sangue. Agora chégannos informacións contraditorias que o presentan como amante do luxo ata a o desatino e como home traballador e comprometido cos desvalidos. Non ten volta, o rei Carlos III inspirará incontábeis viñetas, pero se eu tivese que debuxalo non daría importancia ás orellas. Primeiro porque xa non se lle ven tan grandes e despois porque as orellas, grandes ou pequenas, nada din da personalidade do modelo e son só un recurso cómico doado. Demasiado doado, na miña opinión.

Deixa un comentario