Puntadas sen fío: Azaña en caricatura

Puntadas sen fío: Azaña en caricatura por Siro
Puntadas sen fío: Azaña en caricatura por Siro

A Biblioteca Nacional inaugurou o 18 de Nadal a exposición Azaña: intelectual y estadista. A los 80 años de su fallecimiento en el exilio, que ficará aberta ata o 4 de abril. Hai, ademais, conferencias e mesas redondas para analizar a dimensión política e humana de quen foi un dos principais promotores da Segunda República; xefe do primeiro Goberno e último presidente. Toda a programación ten interese, pero boto en falta algunha intervención sobre un tema nunca tratado: Azaña visto polos caricaturistas.

Ningún político foi tan admirado e tan odiado como Manuel Azaña. Ningún protagonizou tantas viñetas nun tempo en que debuxantes excelentes enriquecían as publicacións de esquerda e de dereita, republicanas e monárquicas. Os seguidores viron nel o home de Estado capaz de facer as reformas que España necesitaba para saír do atraso económico e cultural, e un extraordinario orador; de aí que aos seus mitins acudisen miles de persoas que pagaban a entrada para financiar as campañas electorais de Acción Republicana, o seu pequeno partido.

Os inimigos acusárono de romper a unidade de España e do Exército, de perseguir a Igrexa e de estar ao servizo da Unión Soviética para facer a revolución bolchevique. Politicamente era a encarnación da antipatria; moralmente un asasino, corrupto, soberbio e rencoroso; físicamente un monstruo. E así o representaron os ilustradores de Gracia y Justicia,o máis importante semanario satírico.

Porén, sospeito que a estrela da publicación, o caricaturista Areuger, autor de todas as portadas, respectaba a Azaña, porque é difícil atopar nas máis de duascentas caricaturas que lle fixo -todas extraordinarias-, algunha verdadeiramente aldraxante; e abondan as que poden entenderse como recoñecemento da súa valía: Azaña é Deus no altar da República, entre cirios e incienso; “El Rey del foc”, incombustible e refractario ás labaradas dos conservadores e nacionalistas; o domador dos xabaríns do Congreso, que non conseguen facelo pasar polo aro da revolución. Hai un debuxo que, nunha publicación de extrema dereita como Gracia y Justicia, non sei interpretar. Azaña, vestido co uniforme nazi, óllase no espello que reflicte a imaxe de Hitler, e comenta: -¡Caray, qué lástima lo del bigotito! Porque si no fuera por eso y que éste, como más joven, tiene todo el porvenir por delante, estaría yo clavado. E unha voz lonxana pregunta: ¿Máaaas….?

Non hai dúbida; Areuger é o gran caricaturista de Azaña e se o político non fose tan desabrido, valoraría o seu traballo. Os dous coñeceron a gloria, un como artista, outro como mandatario; e a anguria no horror da Guerra Civil. Días depois de se producir o Alzamento, Areuger apareceu morto, sen sinais de violencia, no sótano do xornal El Debate, onde se ocultara por temor aos milicianos republicanos. O 6 de febreiro de 1939, Azaña empezaba o exilio en Francia, onde morrería o 5 de novembro de 1949. Hoxe Areuger está completamente esquecido e Azaña case, case; pero as iniciativas para recuperar a figura do político deberían contar coas viñetas do debuxante, que poñerían luz sobre calquera cuestión e aforrarían horas de lectura.

Deixa un comentario