Puntadas sen fío: Acoso ao Rei

Puntadas sen fío: Acoso ao Rei por Siro
Puntadas sen fío: Acoso ao Rei por Siro

En 2004, vintecinco anos depois que a Constitución establecese a monarquía parlamentaria como forma de Estado, o xornalista José García Abad publicou o libro La soledad del Rey, no que analizaba a figura de Juan Carlos I e a consolidación da monarquía, con reflexións propias e de dezaseis protagonistas da vida política, do mundo económico e da universidade. O autor do libro e os máis dos entrevistados coincidiron ao afirmar que, daquela, a monarquía estaba consolidada, pero deberíase consolidar día a día co bo facer da Casa Real; e varios mostráronse críticos co Príncipe de Asturias, que, preparadísimo nas mellores universidades, non daba pancada e todo o tempo se lle ía con amigos divertidos e mulleres fermosas. Por iso García Abad víu un acerto no próximo matrimonio de don Felipe coa xornalista Letizia Ortiz, que o sacaría da frivolidade e achegaríao ao pobo. Eu digo máis: se a relación empezase algo antes, seguro que don Felipe non deixaría pasar a espléndida oportunidade de gañar o respecto da xente nova, vindo a enfouzarse en Galicia co chapapote do Prestige. E dígoo porque Letizia non entrou na casa real para estar a velas vir, que Jaime Peñafiel, que todo o sabe, ao lamentar que Don Juan Carlos “se encuentre desnudo ante la ley, como cualquier ciudadano”, afirma que esta dramática e triste historia é o triunfo de Letizia.

Aínda así, os partidos republicanos con representación parlamentaria pediron que Felipe VI se persoe no Congreso para responder dos diñeiros do Emérito e das vacinas das Infantas Elena e Cristina en Abu Dabi. Non vai ir, claro; pero non o pediron para que vaia. Pedírono por amolar, por acosar.

Co mesmo fin, o govern de Catalunya “plantou” ao Rei na visita que fixo o pasado día 5 á Seat en Martorell, co presidente do Goberno e os máximos representantes da multinacional. Os empresarios cataláns, cansos de clamar no deserto, pedindo cordura e lealdade institucional, cualificaron a ausencia do govern de inxustificable e inadmisible; e concluíron que, ao antepoñer os intereses de partido ao interés xeral, o molt honorable Père Aragonés, president en funcions, fixo o ridículo.  

Facer o ridículo ante a monarquía parece un mal fado dos dirixentes de Esquerra Republicana. En 1993, Pilar Rahola, única representante de Esquerra no Congreso, foi recibida na Zarzuela polo rei Juan Carlos e dirixiuse a el co argot da Revolución Francesa, chamándolle “ciudadano Juan Carlos”. Ao rei fíxolle tanta gracia, que lle faltou tempo para contalo. Anos antes, en 1979, o mítico Heribert Barrera, organizador do partido na clandestinidade e president do primeiro Parlament de Catalunya; home esquivo e autoritario, orgulloso de chamar pan ao pan e viño ao viño, acudiu sacando peito á audiencia co rei Juan Carlos na Zarzuela, e entrou coas orellas baixas. Ao coller un taxi en Barajas, dixo secamente: -A la Zarzuela. E o taxista levouno ao teatro da Zarzuela. O rei agardouno unha hora e Heribert Barrera esfarelouse en desculpas. Ridículos aparte, o acoso republicano ao Rei é tan groseiro, falto de ética e estética, que estou por facerme agnóstico en materia institucional.     

Deixa un comentario