Puntadas sen fío: Liberdade de expresión, xa

Puntadas sen fío: Liberdade de expresión, xa por Siro
Puntadas sen fío: Liberdade de expresión, xa por Siro

Con vintepoucos anos admirei a Jack Weinberg, activista político norteamericano, pouco maior ca min e líder do Movemento pola Libertade de Expresiónna Universidade de Berkeley, California. Un día de 1964, Weinberg non quixo identificarse ante a policía do campus e foi detido. Centos de estudantes sentaron arredor do coche policial e durante 24 horas impediron que se movera. Nese tempo interviñeron incontábeis oradores para pedir liberdade de expresión no campus e despois dun pacto cos xestores, Weinberg quedou libre. Foi a presentación dun activista polos dereitos civís, que non tardou en liderar movementos contra o racismo e a guerra de Vietnam; a prol do sindicalismo e da saúde ambiental, e en colaborar con Greenpeace.

Que ten aquel Jack Weinberg, que reclamaba liberdade de expresión ás autoridades infectadas polo virus do macartismo, con este Pablo Hasel que esixe liberdade para rapear textos aberrantes que non ousei repetir? O mesmo que os estudantes de Berkeley, que fixeron a sentada e impediron a marcha do coche da policía, cos centos de vándalos que asolan Barcelona, Madrid e outras cidades con violencia nunca vista.

Digo que non ousei repetir algunhas das barbaridades de Hasel e é certo. O pudor e o respecto ao lector impedíronme facelo partícipe do meu noxo. Porén, hoxe, cando o esperpento catalán acada o cumio do despropósito cos bárbaros na rúa e os monicreques nas institucións, vou reproducir un pareado que reflicte a sensibilidade artística e moral deste varón meritísimo, vítima dun Estado opresor. Está na canción Muerte a los Borbones e di: “Monseñor Rouco Varela bautizó a sus niñas/ y ya tiene fantasías pajeras para toda la vida”. Sublime. A que si?

A Xustiza fíxolle unha enorme falcatrúa ao nacionalismo catalán ao enchiquerar ao rapeiro ramplón e rupestre, xusto cando as forzas independentistas precisan acadar un pacto de goberno. O profesor Ucelay-Da Cal, historiador da Catalunya moderna, diferencia os “independentistas” dos “indepes”. Independentistas son os da CUP; indepes, os demais. A CUP defende o vandalismo desa masa integrada polas súas mocidades, grupos antisistema españois e europeos, os Comités de Defensa da República, que pasaron de facer pedagoxía a prol da República Catalana a competir en violencia cos antisistema; unha panda de delincuentes que meten man onde poden, e un exército de adolescentes, encirrados en chegar ao corpo a corpo cos axentes da lei. A verdade é que Esquerra, En Comú Podem e JxCAT están arrepiados, pero como necesitan os votos da CUP para formar o Gobern, é cousa de ver a Junqueras, Ada Colau, Pere Aragonés e Laura Borrás bailándolles as augas co ballet O lago dos cisnes, nas puntiñas dos pés; tan lixeiros, que mesmo parece que levitan. De momento xa concederon á CUP que, para que os pacifistas non se sintan intimidados por Mosos e policías municipais nas manifestacións cívicas a prol da liberdade de expresión, os axentes levarán porras de algodón e pistolas que disparen faragullas de pan mol.

Así, as cousas ía indo para os indepes ata que apareceron empresarios e comerciantes dicindo que “la pela es la pela” e reclamando o pago de desperfectos e roubos. E a estes non lles gusta o ballet.

Deixa un comentario