Puntadas sen fío: Díaz Ayuso en portada

Puntadas sen fío: Díaz Ayuso en portada por Siro
Puntadas sen fío: Díaz Ayuso en portada por Siro

A presidenta da Comunidade de Madrid saiu na portada da revista satírica El Jueves en amor e compañía de Hitler e Franco, despois que no programa de Ana Rosa Quintana dixese á presentadora que “cuando te llaman fascista sabes que lo estás haciendo bien”. Se o deixase aí, se só dixese iso, é probable que o debuxante de El Jueves fixese a mesma portada; pero non tería razón porque calquera espectador obxectivo entendería que Díaz Ayuso aludía a que a esquerda chama “feixistas” a todos os políticos de dereita que, para ela, loxicamente, son os bos. Pero como é lareteira, non o deixou aí e preguntou a Ana Rosa se algunha vez llo chamaran a ela e, ao responder a xornalista: “A mí todos los días”, Díaz Ayuso sentenciou: “Entonces estás en el lado bueno”. Segunda oportunidade perdida. Se non dixese nada máis, ratificaría o xa dito e quedaría de fábula; pero non calou e engadiu: “En el lado bueno de la historia”.

Ai, Isabel, Isabel, Isabel, que ben encaixarías no Coro de las cotorritas da revista musical La alegre trompetería –mira que nome lindo para as autonómicas do 4 de maio-, estreada con gran éxito no teu Madrid, en 1907! Quen te vería coas outras mozas, collidas todas polos ombreiros, erguendo a un tempo o pernamen por riba da cabeza e cantando: “Cotorrita, rita, rita,/ cotorrita callaté/ que se enfada el caballero./ ¡Que se enfade!/ ¡Y a mí qué!”.

A ti que? Pois mira, hai tempo cabreaches ao cabaleiro Eduardo García Serrano, ese xornalista falanxista tan fino e tan macho que chamou “maricona vieja” a Antonio Gala, e cousas semellantes a Pedro Zerolo; “guarra y puerca” a unha consellera de Salut en Catalunya; “fillo dun terrorista” a Pablo Iglesias, e que recoñeceu ante a súa audiencia canto lle gustaría que o etarra Txapote recibise dous tiros “preferentemente de manera injusta”. Puido ser un grandísimo rapeiro, ao nivelazo do Pablo Hasel; pero cando se ve ante a xustiza, trema, recúa, pide desculpas e onde dixera digo, di diego.

Contigo non se vai desdicir do que dixo, e dixo que cando te coñeceu eras unha falanxista furibunda, que o perseguías a todas horas para que che falase de José Antonio, Ramiro Ledesma e demais protagonistas da primeira falanxe. Contou tamén –e isto é feo- que cando entraches no PP e coincidiches con el nun programa de Intereconomía, leváchelo a un recuncho e confesácheslle: “Eduardo, aunque esté en el PP, sigo siendo la misma”. 

De maneira, Isabel, que se non caeches da burra recentísimamente e coa zoupada perdeches o amor ao falanxismo, cando dixeches a Ana Rosa Quintana que o feixismo está no lado bo da historia non tiveches un lapsus linguae, senón unha traizón do subconsciente; e o debuxante de El Jueves, non malinterpretou as túas palabras. Estás no teu dereito a ser falanxista, faltaría máis; pero como Pablo Iglesias é comunista –o teu ex amigo García Serrano chámalle “piojo bolchevique con vocación de Zar”-, nas próximas eleccións da Comunidade de Madrid veremos, en ti e el, enfrontarse nas urnas as dúas Españas extremistas de 1936. Como se non pasásemos unha guerra, como se non aprendésemos nada.

[elementor-template id="10052"]

Deixa un comentario