Hai que ver moitas viñetas do gran humorista gráfico que foi Julio Cebrián para coñecer, valorar e saborear as excelencias da súa obra. Digo “saborear” porque os miles de viñetas saídas do seu enxeño e da súa man son un menú longo e estreito que cómpre degustar a modo, poñendo atención na presentación e no gusto das viandas, sabiamente cociñadas. Moitos dos que non o coñecen viron algunha vez a reproducidísima portada que no ano 1966 fixo na revista La Codorniz coa caricatura de Fraga portando a flamante “Lei de Prensa” nos brazos. Julio Cebrián ten a honra de ser o primeiro en caricaturizar na prensa española a un ministro de Franco, pero no seu facer de grafista esa popular portada é só unha anécdota. Cebrián foi un debuxante orixinalísimo, expresionista e surrealista a un tempo e creador dun estilo persoal, axeitado ao seu humor entre satírico e tenro.
Ante a imposibilidade de comentar a súa obra ao longo de máis de seis décadas, detereime en dúas etapas: a da plenitude nos anos setenta, cando era unha das estrelas de La Codorniz, e a última, con oitenta anos de idade, en Interviú.
Alguén comparou o Julio Cebrián dos anos setenta co alemán Grosz, supoño que polo marcado expresionismo dos deseños e pode que tamén pola novidade do estilo. Grosz contou nas memorias que para crear aqueles personaxes tan distintos a todo o feito anteriormente no grafismo satírico, se inspirara nos debuxos dos nenos e nos grafitis que vía nos retretes públicos. Cebrián non dixo como creou aquela linguaxe gráfica tan persoal, tan súa, que ninguén ousou imitar; pero quizais non fixo máis que converter en creación artística a torpeza dos riscos nos debuxos da propia adolescencia. Despois estudaría a Grosz e a moitos outros debuxantes e pintores, ata se converter nun autodidacta culto. Tanto, que en La Codorniz exerceu de crítico de arte, moi respectado polos artistas.
Tamén escribía con gracia e boa prosa. Xa no libro “En un periquete”, editado en 1963, presentara viñetas e narracións; pero a finais dos setenta publicaba en distintos medios artigos divertidos e de moita calidade literaria.
Naquel momento de plenitude coñecino eu, en 1977, cando a alguén da UCD triunfante nas primeiras eleccións democráticas se lle ocorreu organizar un encontro de humoristas gráficos en Granada. Cebrián tiña 48 anos, era alto, elegante, risoño -ría coa boca e cos ollos- e falaba moi ben e sen acento galego, aínda que era da Rúa de Valdeorras e esa circunstancia condicionou, na miña opinión, o seu humor, máis sarcástico que satírico. (Enténdase o sarcasmo como a capacidade de rir do propio fracaso e a sátira como o reaxir irado contra o próximo).
O Cebrián de Interviú, con oitenta anos cumpridos, paréceme tan admirable como o de La Codorniz, porque é máis expresionista, máis surrealista e máis vangardista que nunca. Con oitenta anos, Cebrián debuxaba e pintaba –nunca as viñetas foran tanto “debuxo e pintura”- coa creatividade dun mozo de vinte. Se o Cebrián de La Codorniz podía ser relacionado con Grosz, o de Interviú fai lembrar ao Bernini octoxenario que, con trazos tremelantes, debuxa a impresionante caricatura do papa Inocencio XI, converténdoo nun insecto.
Coido que unha escolma dos debuxos-pinturas de Cebrián publicados en Interviú nos anos 2010 e 2011, tan diferentes e tan audaces sempre, darían nunha exposición a verdadeira dimensión deste humorista gráfico galego, de talento inagotable.
O lector interesado pode acceder a estas viñetas na web de Interviú.