Puntadas sen fío: García-Sabell no franquismo

García-Sabell no franquismo por Siro
García-Sabell no franquismo por Siro

O 18 de xullo de 1936, Domingo García-Sabell era médico en Compostela e participaba na actividade cultural e política da cidade. Como moitos, supuxo que o golpe militar sería controlado polo Goberno en poucas horas e cando empezou o terror, o medo sobrecolleuno. Todos os amigos eran republicanos de esquerda e nos próximos días uns foron fusilados e outros paseados.

En 1937 mobilizárono e destinárono ao campo de concentración de Labacolla. Cada tarde visitaba aos presos, que durmían no chan, mal alimentados e sen hixiene. O primeiro día, ao pasar ante eles, saudárono brazo en alto e dicindo «arriba España». El respondeulles cun «boas tardes» e, desde entón, ise foi o saúdo mutuo. O 1 de abril de 1939, ao saber que a guerra rematara, colgou a bata branca na percha e non volveu. Ninguén reclamou a súa presenza.

Aquel ano casou con Elena Tormo e cando a noite do 24 de xullo estaban a ver os fogos do Apóstolo, fórono buscar para que atendese a un enfermo moi grave. A casa era humildísima e a habitación un buraco cunha buxía que apenas alumaba. Achegouse ao leito do enfermo, retirou o cobertor e a saba, e viu que tiña o ventre negro. Era una capa de chinches que arredou coa man para facer a exploración.

A represión e as experiencias horríbeis que vía na profesión levárono á convicción de que o remedio estaba na Unión Soviética. El e o cirurxián Ramón Baltar fixéronse filocomunistas. Non entraron no PCE, pero favorecérono canto puideron. Mentres lle construían a vivenda na Rosaleda, Domingo camuflou entre os albaneis a un comunista destacado, moi perseguido, e no seu nome entrevistouse en Madrid con outro camarada, tamén oculto porque corría perigo. Días antes aparecera morto no Retiro o terceiro membro do grupo.

Accións semellantes repetiunas durante anos e ata lles conseguiu algunhas armas. O seu enlace era un matrimonio moi activo. Ela, unha muller de Pontecesuras, dunha serenidade extraordinaria, parente afastada de Baltar, establecía o contacto. Un día advertiuno de que recibiría a visita duns camaradas cun encargo importante. O PCE enviara dous especialistas para atentar contra Franco, durante o verán, na estrada A Coruña-Compostela, e precisaban que lles dese cobertura. A Operación Termópilas púxose en marcha, pero os especialistas recibiron orde de suspender os preparativos e marcharon,

Anos despois, García-Sabell empezou a desconfiar de Rusia e do comunismo e, ao coñecer as purgas de Stalin, esfarelóuselle a armazón ideolóxica. En 1992, cando me relatou estas vivencias, pensaba que o comunismo estaba obsoleto; fora importante no pasado, pero non no presente.

No relato non houbo chisco de vaidade e en ningún momento describiu o seu facer como algo heroico. Anos antes volvera á fe relixiosa que crera perdida pola conivencia da Igrexa co Réxime, e faloume conmovido; como se necesitase liberar a conciencia dun segredo que nin as fillas coñecían, que quizais non coñeceu ninguén.

Por que mo contou a min? Pola mesma razón que o PCE confiara nel: porque sabía que non lle fallaría. Pediume que non o fixese público mentres vivise e cumprín sobradamente. As veces que calei cando oín chamarlle «carca»!

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información. ACEPTAR

Aviso de cookies