Nacho Mirás no recordo, sempre

Nacho Mirás
Nacho Mirás por Siro

 

Vímonos por última vez o 17 de marzo na homenaxe que a cidade de Santiago lle fixo ao poeta Salvador García-Bodaño. Tiña moi bo aspecto e aínda mellor humor. Recordo os seus ollos grandes e ledos, o surriso amplo, tan cordial, ao descubrirme a varios metros de distancia e despois ao abrazarnos despois de moito tempo sen vernos; desde antes da súa enfermidade.

Á absurda pregunta de como se atopaba, respondeume coa mesma ollada e o mesmo surrir, un aceno expresivo e una frase breve: “xa sabes… esperando”.

Debería dicir “loitando”, porque eso foi o que fixo -¡e como o fixo!- desde o primeiro momento, cun principio irrenunciable: -¡Contra o tumor, humor!

O humor era en Nacho a manifestación máis clara da súa intelixencia e da súa bonhomía. O humor era tamén o seu maior encanto, o que o facía tan cercán e amable, tan cordial e entrañable; tan querido por todos. Desde finais de nadal do 2013, o humor foi todo eso e, ademais, espada e escudo contra o cancro: -¡Alta a moral e sen quitarle ollo ao inimigo!

Nacho converteuse no portavoz, no paladín de cantos se enfrontaban á mesma doenza, sen máis axuda que a da medicina. O seu blog pasou en pouco tempo de mil a catrocentos setenta mil lectores. Impresionaba ler a crónica diaria do seu estado físico, usando as palabras que todos evitamos.

Un día converteunas en libro e titulouno El mejor peor día de mi vida. Era un título orixinal e gracioso, pero Nacho explicouno: aqueles centos de miles de lectores do seu blog convertera o peor día da súa vida no mellor dos seus peores días. O libro era para todos, pero o título era para eles.

Ao presentalo, Nacho fixo una petición: “Se me gardan un oco nas súas bibliotecas, que sexa no anaquel das comedias”. Merqueino en canto souben que estaba nas librerías, pero non me sentín capaz de lelo e regaleillo a un amigo enfermo.

Alguén próximo a el dicía nun artigo moi fermoso que imaxinaba a entrevista que Nacho estará facéndolle a san Pedro. Eu non podo imaxinala, pero si a sorpresa e as s gargalladas do porteiro celestial, ante as enxeñosísimas preguntas daquel xornalista coa gracia dun demo pillabán e burlón.

Porque Nacho quixo arrequecer o xornalismo mostrándonos todo –as persoas, as cousas, a vida e a morte-, reflectido no espello do humor. E conseguino desde o primeiro día, na radio e no xornal. Mostrar o drama persoal reflectido neses espello para convertelo en tema de conversa de tertulia ou familiar deulle enorme popularidade, pero o seu xornalismo foi excelente sempre.

Alguén, tamén con bo humor, dixo que fai falta toda una vida para aprender a morrer. Calquera pensaría que a Nacho non lle daría tempo porque só tiña 44 anos cando aquel tumor cabrón se impuxo ao seu humor e o levou. Pero si lle deu. E tanto que lle deu. Somos moitos os que o temos como un referente a emular.

Grazas, Nacho, por todo o que nos deches. Deica sempre, compañeiro.

2 comentarios en “Nacho Mirás no recordo, sempre”

  1. Afortunadamente, todavía quedan buenos conmpàñeros que recuerdan a los que van desapareciendo. Que Dios, si lo hay, que te bendiga querido Siro.

    Responder
  2. Nacho Mirás Fole, fue y sigue siendo el capitán de la “tropa”, esos enfermos oncologicos que están librando esa dura batalla contra el cáncer. Muchos tenemos la suerte de ir ganando, y otros desgraciadamente se quedan en el camino.
    Los que estamos aquí nunca te vamos a olvidar, y estarás presente con la ayuda sicologica que heredamos de ti. Mil gracias y que la gloria te acompañe aya donde estés.

    Responder

Deixa un comentario