Hai quince anos chegaba ás costas galegas o petroleiro Prestige, avariado e perdendo fuel, baixo o mando do capitán grego Apostolos Mangouras, un mariño experimentado e sabedor de que o barco máis estaba para o desguace que para novas singladuras, pero disposto a capitanealo unha vez máis, a última, porque –declarou- quería xubilarse e necesitaba os cartos. O resultado, xa se sabe: o mal estado do barco e da mar e as decisións desafortunadas de políticos e técnicos provocaron o maior desastre ecolóxico nas costas galegas.
É curioso o paralelismo entre os desastres do Prestige, capitaneado por Mangouras e o da República Independente de Catalunya, capitaneado por Puigdemont. Como Mangouras, Puigdemont sabía que o seu navío –o da República Independente de Catalunya, aínda sen botar-, non estaba para navegar. Despois de escoitar a financieiros, empresarios, economistas, políticos e ata ao bispo de Barcelona, sabía que, posto na mar, faría auga por babor, estribor, proa e popa. Por iso o 9 de octubro decidira deixalo na grada e acudir ao Parlament para convocar eleccións. Non o fixo porque cando os deputados da CUP o acusaron de traidor e covarde, caéronlle os calzóns. Por medo á CUP, para non sufrir os seus ataques, mentiu a todos os cataláns, ao declarar –“si, pero non; en fin, deixa a ver”- unha República independente de Cataluña inviable, na que, naturalmente, non cría.
A peor das decisións que se tomaron sobre o Prestige foi levalo mar adentro. A peor das que puido tomar Puigdenont cando o Goberno atacou co 155, foi levar a República Independente de Catalunya terra adentro, a Bruxelas, onde, despois de enfouzar canto puido a España e Europa, rematou soterrándoa ao recoñecer que Catalunya non está para aventuras soberanistas e que pode haber máis solucións que o independentismo.
En calquera outra situación esta declaración de Puigdemont suporía o seu harakiri como político, pero a tensión que se vive en Catalunya non deixa ver con claridade e, por incrible que resulte, os votantes da CAT quéreno de president e ven na excursión a Bruxelas unha heroicidade. A min Puigdemont recórdame a aquel xeneral Kitrí, de quen fala Wenceslao Fernández Flórez en El secreto de Barba Azul. Nunca conseguira unha vitoria no campo de batalla, pero era o asombro do mundo polas súas retiradas a través de países e continentes. Tamén a retirada de Puigdemont, seguido dun grupo de consellers, a trote lixeiro, de Barcelona a Bruxelas, vía Marsella, merece figurar nos anais da historia, talmente como a dos 10.000 de Xenofonte. E figurará porque, pase o que pase nas eleccións do 21 de Nadal, Puigdemont non volverá presidir a Generalitat e, sen a aura do poder, os cataláns empezarán a velo tal cal é; e cando os libros de historia expliquen o maior desastre político de Catalunya, titularano “O día que a Puigdemont lle caeron os calzóns”.