Poucas veces será certo o aforismo “non hai mal que por ben non veña”, que repetimos como unha letanía ante calquera contrariedade; máis como consolo que por convición. Tampouco sería certo se o dixeramos da celebración, o luns, día 18, do Día Internacional dos Museos, a porta pecha; aínda que o bo facer dos responsábeis e a aplicación das novas tecnoloxías permitiunos vivir experiencias inimaxinábeis, como a de adentrármonos, sen saír de casa, nos museos de Altamira, o Románico de Taüll, a Casa Natal de Cervantes ou as grandes pinacotecas españolas. O servizo que ofreceu o Museo do Prado desde días antes foi extraordinario, ao darnos a oportunidade de pedir a visualización de obras concretas e recibirmos ao mesmo tempo información oral sobre elas.
Cando era xove e inxenuo, pensaba que, por ser o sentido do humor unha peculiaridade dos galegos e dar Galicia algúns dos grandes humoristas literarios e gráficos do mundo, cumpría levar o humor á Universidade, facer prazas públicas dedicadas ao humor e, sobre todo, crear o gran Museo do Humor de Galicia. Tenteino con máis pena que gloria.
O rector da Universidade de A Coruña, Xosé Luís Meilán Gil, creou a Aula do Humor e xuntos presentámola en roda de prensa. Ata fixo un cartaz precioso para publicitala, pero antes de inaugurala perdeu as eleccións e todo quedou en nada,
A Praza do Humor de A Coruña, única no mundo, inaugurámola o alcalde Francisco Vázquez e eu unha noite de 1990, ante centos de persoas entusiasmadas; pero os gamberros e a desidia das corporacións municipais fan que esmoreza, ante o pasmo dos turistas. Chumy Chúmez bromeu e propúxome desmontala e levala a Madrid, onde sería coidada e valorada. Forges apoiou a idea.
En 1983, cando asinamos o “Manifesto en defensa do humor”, Xaquín Marín e eu pensabamos que un Museo do Humor de Galicia, que acollese a obra humorística de escritores e artistas era tan necesario coma un Museo de Arte Contemporánea. Naceu o Museo do Humor de Fene e, aínda que sempre estivo ben xestionado, sentinme frustrado porque non era o museo que eu soñara. Hoxe penso que chega ben para unha Galicia na que o humor, como creación cultural e artística, non interesa. Non, non interesa, aínda que políticos e intelectuais falen decote da retranca galega e citen o libro O segredo do humor, de Celestino Fernández de la Vega. Citalo dá un toque de erudición, pero lese tan mal que eu escoitei a dous coñecidos intelectuais -un deles, amigo a quen estimo e valoro- dicir en conferencias que o libro de Celestino é espléndido, pero iso de que o humorismo naceu con Cervantes e o Quixote é unha frivolidade. Talmente como se dixesen que Einstein foi un científico estupendo, aínda que a Teoría da Relatividade fose un cachondeo.
Remato coa proba do algodón. O Museo do Prado mostrou de novembro a febreiro dúas exposicións: unha de debuxos de Goya e outra de debuxos de El Roto, que recreou medio cento de debuxos de Goya. Ver para crer: un viñetista, un humorista gráfico actual, con Goya no mellor museo do mundo. El Roto é boísimo, certo; pero tamén en Galicia hai excelentes humoristas gráficos. Alguén imaxina a obra dun deles exposta en calquera dos museos galegos? Eu non, desde logo.