Puntadas sen fío: Cuate, aquí hai tomate

Puntadas sen fío: Cuate, aquí hai tomate por Siro
Puntadas sen fío: Cuate, aquí hai tomate por Siro

O presidente mexicano Andrés Manuel López Obrador anunciou que o seu Goberno fará unha pausa nas relacións con España para pasar páxina nunha etapa en que importantes empresas españolas saquearon aquel país. A acusación é moi grave, aínda que se trate –son as súas palabras- “de una protesta fraterna”. E, claro, outra vez políticos e creadores de opinión españois movidos polo fervor patriótico botáronse a el con dúas aseveracións categóricas: López Obrador é un populista que mente para distraer a atención do seu fracaso político; e a actuación das empresas españolas en México é exemplar. Non importa que a actuación desas mesmas empresas en España non teña nada de exemplar; en México, un dos países máis corruptos do mundo, son todas modélicas.

Das case 6.000 empresas con capital español que hai en México, o presidente López Obrador sinalou tres: Iberdrola, Repsol e OHL. De Iberdrola di que recibiu trato de favor e converteuse na máis importante xeradora de electricidade durante o mandato de Felipe Calderón, quen, en 2009, liquidou por baixo rendemento a compañía pública Luz y Fuerza del Centro e despediu a 40.000 traballadores. En 2016, catro anos despois de deixar a presidencia, Felipe Calderón entrou no consello de administración de Avangrid, filial de Iberdrola en EEUU; e Georgina Kessel, a súa Secretaria de Enerxía, no de Iberdrola. Non son cousas do pasado. Hai poucos días, a Comisión Reguladora da Enerxía de México abriu un expediente sancionador a Iberdrola por vender, supostamente, electricidade producida nunha planta de Monterrey que so tiña autorización para o autoabastecemento.

López Obrador pon como exemplo de licitación boísima para unha empresa privada e pésima para a Facenda mexicana a que en 2003 conseguiu Repsol baixo a presidencia de Vicente Fox para obter gas no Golfo de México, cando xa a estatal Petróleos Mexicanos estaba producíndoo. Xustificouse co argumento de que Repsol aumentaría a produción, pero non foi así. Da construtora OHL, presidida por Juan Miguel Villar Mir, ministro de Facenda no primeiro goberno do reinado de Juan Carlos I, di López Obrador que foi favorecida polo seu antecesor, Enrique Peña Nieto, en correspondencia ás aportacións que fixo ás campañas do seu partido. O enguedello mexicano acadou máxima tensión emocional ao intervir dous personaxes folletinescos: Emilio Lozoya, “el niño Dios de México”, e Javier López Madrid, xenro de Villar Mir. O mexicano, fugado en 2019 e detido en España seis meses despois, converteuse en colaborador da Xustiza e contou –non é broma- que durante a presidencia de Peña Nieto foi intimidado, presionado e instrumentalizado na complexa trama de subornos dun aparello do poder arranxado para delinquir. Convertido en elo da cadea, creou unha empresa fantasma con conta nun banco suízo e, entre 2010 e 2012, recibiu 22 transferencias de compañías vencelladas a OHL e á Infoglobal, do seu amigo López Madrid.

Iberdrola, Repsol e OHL –a través de López Madrid, que en breve se verá ante a Xustiza española- tamén teñen en común que contrataron os servizos do excomisario Villarejo para labores de espionaxe. Por todo isto e moito máis, non consigo responder ao presidente López Obrador cun berro patriótico. Tentar, téntoo; pero sempre me sae un “Cuate, aquí hai tomate”. 

[elementor-template id="10052"]

1 comentario en “Puntadas sen fío: Cuate, aquí hai tomate”

Deixa un comentario