Puntadas sen fío: Marchando unha de V Centenario!

V Centenario: Albert Rivera, López Obrador y Pablo Casado por Siro
Albert Rivera, López Obrador y Pablo Casado por Siro

Sospeito que os políticos, comentaristas políticos e creadores de opinión que leron a carta do presidente de México ao rei de España cóntanse cos dedos dunha orella, que diría o Périch, porque só desde o descoñecemento poden entenderse tantas aldraxes á súa persoa. Descoñecemento e mala fe, claro, en procura do sensacionalismo, mesmo do escándalo, que é un dos cancros do xornalismo dos nosos días. Titulares de prensa como “López Obrador exige a Felipe VI…” entran no que o papa Francisco calificou de “difamación” na recente conversa con Jordi Évole, porque López Obrador non esixiu nada e na carta, que non pode ser máis respectuosa, di textualmente: “Con este propósito, el Gobierno de Méjico propone a Su Majestad…”.

Nin deben de coñecer o vídeo e as declaración á prensa nos que anuncia que tamén el pedirá perdón polo exterminio dos mayas, e ata o dos chineses na Revolución mexicana, para que o 2021 sexa o ano da reconciliación. Desde logo Pérez Reverte non os coñece e por iso non sabe se chamarlle “imbécil” ou “sinvergüenza”; descalificativos graves ambos, pero non tanto coma o de Pablo Casado, que lle chamou “amigo izquierdista de Pedro Sánchez”.

O problema –e que en Centroamérica e Sudamérica hai 34 millóns de indíxenas marxinados polos gobernos que lles expropiaron as terras para extraer recursos naturais, coa conseguinte degradación do medio ambiente, e non queren oír falar de centenarios. No de 1992, o do Decubrimento, a UNESCO acordou celebralo como o “Quinto Centenario do Encontro de Dous Mundos” e animou a construír un novo relato histórico coas versións “dos vencedores e dos vencidos”. Non se fixo. En 1988, o antropólogo español Ginés Serrán-Pagán, asesor de Nacións Unidas, pretendeu que España organizase un congreso na Rábida, no que participasen os 100 líderes máis destacados das comunidades indias de América, e respondéuselle que non había presuposto. O experto advertiu de que os indíxenas realizarían accións contra a celebración para acadar atención internacional, e así foi en Bolivia, México, Ecuador, Perú e Colombia, En Sevilla, o día 12 de octubro de 1991, douscentos manifestantes orixinarios de Perú, Colombia, Chile e Arxentina, coas roupas e as pinturas ceremoniais das súas comunidades, invadiron a catedral, berrando coma diaños cando ía celebrarse unha voda e noivos, padriños e invitados fuxiron espavorecidos. Querían profanar o túmulo de Colón, pero a policía impediuno e Luis Yáñez, presidente da Comisión Estatal do V Centenario, declarou: “Los radicales que trataron de boicotear el Quinto Centenario fracasaron”.  Si, pero personalidades tan relevantes como Mario Benedetti, Enrique Dussel Ambrosini, Alejo Carpentier, Miguel Bonasso, Noam Chomsky, Heinz Dieterich, James Petras,Elena Poniatowska e Fidel Castro xa asinaran o libroNuestra América contra el V Centenario, en 1989.

Agora que o PP e C´s instan ao Goberno a conmemorar o quinto centenario da conquista de México, “una de las gestas épicas más importantes de la humanidad”, pregúntome se quererán facelo cun “¡Olé, las pelotas de Cortés!” ou se contarán cos descendentes dos conquistados e colonizados. Temo que non.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.