Riscos: Xosé Neira VilasRiscos: Xosé Neira Vilas

No ano 1997 empecei a publicar en La Voz de Galicia, con periodicidade semanal, unha serie de entrevistas a galegos e galegas coñecidos pola súa actividade profesional (Riscos). Hoxe recupero do baúl dos recordos máis queridos a entrevista a Xosé Neira Vilas.

Xosé Neira Vilas
Xosé Neira Vilas

Aos vinte anos emigrou para poder estudiar e descubriu Galicia na Arxentina. Non está de volta de nada e segue a traballar pola cultura galega desde a investigación e a creación literaria.

Din que coa idade aumentan as dúbidas.

-É certo. Recordo a Luís Seoane nos últimos anos, cando dicía que lle custaba máis traballo crear, e a min estame pasando o mesmo. Fóra da actividade artística ou literaria non só medran as dúbidas, senón tamén o escepticismo, aínda que eu converto dúbidas e escepticismo nun optimismo activo e creador. Non me quedo na frustración.

-E que tamén nos facemos máis tolerantes.

-Coido que si. Hai uns principios e comportamentos éticos irrenunciabeis, pero, fóra deso, a idade fainos máis comprensivos e indulxentes ante o xénero humano.

-Daquela, tiña razón o coxo cando berraba: “Non corrades, que é peor”.

-Claro que tiña razón, pero cando un é novo sente a necesidade de correr e ata que se teñen os anos enriba non nos decatamos de que eso pode ser peor.

-¿Cando madurou vostede?

-Pouco a pouco, porque a madurez é coma unha maciñeira e xa se sabe que non todas as mazás madurecen a un tempo. Aos vintecinco anos souben que tiña certas zonas de madurez; para acadar outras houben de esperar os corenta e cincuenta e é posible que en certos aspectos teña que seguir madurando, pero non me importa; prefero pasar por inxenuo a ser pillabán.

-No fondo, ¿non teremos sempre a mesma idade? ¿Non seremos sempre nenos?

-Eu que sei. Desde logo, a idade biolóxica e o envase corporal non corresponden á idade interior. Eu son por dentro moito máis novo do que din o calendario e a pel. Aínda que me gosta moito evocar, recordar e facer memoria, estou cheo de proxectos, e un home non é vello mentres ten proxectos. Teño tantos que a vida non me vai dar para realizalos todos. Por outra parte, resérvome o dereito de soñar -enténdase soñar cos pés na terra, porque vivimos nun mundo encerellado, no que non nos podemos permitir estar nas nubes-, pero soñar á fin.

-O día que foi recibido doutor honoris causa pola Universidade da Coruña, ¿non se sentiu un rapaz?

-Era un pouco neno, si. Era como un xogo que eu asumín con moita seriedade e con moita gratitude, porque neste país que foi viveiro de emigrantes, os emigrantes non suman, restan. Sempre lle agradecerei á Universidade da Coruña aquel acto, que eu interpreto como un recoñecemento a cantos saímos de Galicia polos camiños do mundo; unha demostración de que existimos e de que se conta con nós.

-¿Que memoria garda do neno labrego que foi?

-Hoxe vexo estas leiras, as viñas, os apeiros, o río, e recordo nídiamente os meus traballos de rapaz labrego ata os dezaseis anos, cando pasei á oficina dunha serra. Recórdoos tan ben, que podería repetilos coa mesma habelencia. E ás veces fago a proba.

-¿E de que cor é a súa infancia?

-Verde, co verdor deste val espléndido. A miña foi unha infancia pobre, con administración moi rigorosa e con carencia de todo, pero, a pesar deso, moi vital. Os rapaces iamos a pé ó Pico Sacro e ás romarías, cantando polos camiños; xogabamos a mil xogos divertidos e faciamos os nosos xoguetes. Aos catorce anos tellamos unha casa sen rematar e convertémola en teatro para nos divertir e divertir aos veciños. Faciamos obras en galego, cobrabamos a entrada e cos cartos alugabamos unha banda de música para arranxar unha festa. A infancia fica vivísima en min e non como unha etapa triste.

-Vostede é un home que sofre polos que sofren.

-Verdadeiramente dóeme a dor humana. Dóenme, sobre todo, os nenos castigados, analfabetos, explotados, abandonados, que se converten en delincuentes para sobrevivir ou que morren de enfermidades curabeis. Dóeme a fame de moitos cando hai tanta riqueza nuns poucos. E dóeme non poder facer nada, porque, escribindo, non se chega máis aló da denuncia.

-Eso levouno a comprometerse politicamente.

-Mellor diría a comprometerme ideoloxicamente ou solidariamente, porque nunca militei en ningún partido. Posicioneime incuestionablemente cos que sofren e quixen ser a súa voz a través da miña acción e da miña obra.

-A min paréceme tamén un militante activísimo do galeguismo.

-Sen carné tamén, pero sen dúbida. Eu descubrín Galicia en Bos Aires cos meus mestres e amigos Seoane, Dieste, Blanco Amor, Lorenzo Varela, Suárez Picallo… Alá pasei doce anos de activismo cultural galeguista, que me levou a colaborar en distintas publicacións e na radio; a participar na creación das Mocidades Galeguistas e na organización do Primeiro Congreso da Emigración Galega, a fundar con Anisia a distribuidora do libro galego e despois a editorial Follas Novas… Daquela souben que Galicia sería para min un deber de por vida.

-Pero no ano 61 marchou a Cuba e aló non había o mesmo ambiente.

-Non o había, pero coa colaboración de Anisia, sempre tan importante, creamos a sección galega no Instituto de Literatura e Lingúística da Academia de Ciencias, que dirixín sen percibir ningún tipo de remuneración durante vintedous anos. Foi a primeira vez que desde un organismo oficial estranxeiro se estudiou a presencia da emigración galega, e daquela iniciativa naceu o fondo bibliográfico e o traballo de investigación máis importante de América. Tiñamos relación con moitas universidades europeas e foron numerosas as teses de doutoramento que aló se prepararon. Nos anos setenta, por xestións da sección, ensinouse lingua e literatura galega nas universidades de Leningrado e Leipzig. Na universidade Carlos Marx de Leipzig había 500 estudiantes de portugués con galego como materia obrigada e 2.000 de español como materia optativa. Inscribíronse todos.

-A outra tarefa que se impuxo foi darnos a coñecer a Galicia emigrante.

-Asumín como compromiso facer xustiza a persoas e feitos da nosa emigración en América, especialmente en Cuba e na Arxentina, descoñecidos ou esquecidos en Galicia. Foi un labor de investigación e sistematización ao que dediquei trinta e nove anos, postergando en boa medida a miña literatura de ficción. Coa próxima publicación de libro “Galegos que loitaron pola independencia de Cuba”, pecharei a serie e volverei á narración breve, que é o meu xénero preferido, e quizais tamén á poesía. Quen sabe.

(Publicada en La Voz de Galicia dentro de la serie de entrevistas “Riscos” en 1999)

Deixa un comentario