¿Imos aló? Curso de iniciación al idioma galego

Imos aló? é o título do único curso de iniciación ao idioma galego que se emitiu na TVG. Ten dúas partes e fixémolas en Vídeo Voz TV, nos anos 1986 e 1987, despois de gañar o concurso convocado pola TVG.

O equipo encargado de realizalo estaba formado por Xesús Vecino e Chelo Loureiro, realizador e axudante de realización, respectivamente; Manuel Barallobre, operador VTR; Xoán Carlos R. Arroyo, operador de cámara; J. Luis Defez Shmidt, no son; Manuel Vecino, no grafismo; Solange Aumetre, na maquillaxe; e Xoán Ramón Sardiña, na produción. Eu fixera o guion e encargueime da dirección.

O proxecto ilusionábamos a todos, pero eramos conscientes de que non sería tarefa doada porque só dispuñamos de 18 millóns de ptas., mentres vascos e cataláns tiñan 180 e 200 para facer os seus. Nunca as comparacións serían máis odiosas.

Foi entón cando se me ocorreu a idea de que o curso fose impartido por un grupo de marionetas, deseñadas por min e realizadas por Taller Tragamasa; que collían vida nun fallado deseñado por Chelo Loureiro, quen, anos despois chegaría a ser importante produtora de cine de animación.

E así o fixemos. E sucedeu o incrible: cando os cursos de galego, eúscaro e catalán se pasaron na 2 de TVE, o preferido dos espectadores foi o noso. Por orixinal, claro; porque os outros eran moito mellores.

Estou a recordar aquel traballo porque acabo de encontrar en internet varias referencias ao curso de galego ¿Imos aló? E en todas aparece como director do mesmo o xornalista Lois Álvarez Pousa. O erro partiu da propia TVG, que, malia ter ao seu dispor os títulos de créditos nos que se le clarísimamente “guion e dirección: SIRO LÓPEZ”, por algunha estraña razón, fixo a Pousa director do curso. É un erro que outros copiaron ata se converter nunha cadea de erros. Pedín á TVG que corrixise a súa páxina e fixérono de contado. O erro matriz desapareceu; agora farei cando poida por deixar claro que o director de ¿Imos aló? fun eu. O curso non será gran cousa, pero, sentimentalmente, para min é importante.

Por certo, nos créditos figura Lois Álvarez Pousa como “Coordenador Produción”, porque naquel momento era o responsable de Vídeo Voz TV; pero  en ¿Imos aló? só se encargou de contratar os actores.

 

1 comentario en “¿Imos aló? Curso de iniciación al idioma galego”

Deixa un comentario