Do que Cunqueiro non contou do meu señor Don Merlín

alvaro cunqueiro
Do que Cunquiero non contou do meu señor Don Merlín

Capítulo I

De volta en Miranda

Cheguei onte a Miranda, onde nacín e pasei os mellores anos da miña vida. Saín de rapaz e volvín, xa vello, polo camiño do sul; aquel mesmo camiño, á beira do río, que seguiran os máis dos viaxeiros que vin e coñecín na casa do señor don Merlín. Pasei a fraga de Eirís, tan mesta e silandeira como a lembraba; o Pontigo, coa vella ponte de madeira, que agora me pareceu máis pequena e rompediza; a carballeira das Mouras, onde -dou fe- seguen a axuntarse todos os ventos do mundo; e entrei, por fin,  na camposa de Miranda, desde onde se olla en redor a selva de Esmelle, o castelo de Belvís, a fraga da Serpe, a lagoa dos Cabos, o Vilar e o camiño real de Meira.

Estou na que fora a miña casa familiar, que hoxe habitan os meus sobriños netos. Recibíronme con cariño e curiosidade, sobre todo os máis novos, que queren saber das cidades onde vivín e das terras que andei. Visitáronme os veciños do lugar e tamén algúns de Quintás e de Ferrerías, que oíran falar de min aos vellos das súas parroquias. Si, en Miranda todo é igual; mesmo a xente, aínda que do meu tempo non quede ninguén.

De mañán cedo subín ao outeiro por ver a casa que foi do meu señor don Merlín, fechada hai moito tempo. Poucos lembran a marcha do Mago e dona Xenebra en dous  coches de cabalos; un para os viaxeiros, outro para a equipaxe. Só un vello miudiño, de pelo moi branco, que resultou ser o fillo máis novo do carpinteiro de Conforto, recordaba que os cocheiros falaban estranxeiro e que na despedida estaban moitos veciños de Miranda e tamén o conde de Belvís, con gorra de moita pluma. Tamén lembraba que cando os coches se perdían na volta do camiño, o conde sacara da manga da casaca un paniño branco, traballado en encaixes, e, despois de enxoitar dúas bágoas con moito melindre, asoara con tanto estrondo, que  mesmo semellara a buguina coa que chamaban á xente os pescadores de Cariño, cando ofrecían xurelos afumados.

Para continuar a lectura de Do que Cunqueiro non contou do meu señor Don Merlín escríbanos a info@siroartista.com

Deixa un comentario