Puntadas sen fío: Pedro Sánchez e as bicefalias

Puntadas sen fío: Pedro Sánchez e as bicefalias por Siro
Puntadas sen fío: Pedro Sánchez e as bicefalias por Siro

Na entrevista de Antonio García Ferreras a Pedro Sánchez na Sexta, o presidente en funcións afirmou que de aceptar as condicións de Unidas Podemos teriamos un Goberno abocado á crise, que se produciría aquela mesma noite, despois que o líder de En Comú Podem e Ada Colau anunciasen mobilizacións en Barcelona se a sentencia do procés é dura. Como Unidas Podemos forma parte de En Comú Podem, Pedro Sánchez plantexou unha evidencia: “Hoy habría dos gobiernos: uno del PSOE defendiendo la Constitución y otro de Unidas Podemos hablando de presos políticos”. E sería cousa de ver, oír e ler -digo eu- aos mesmos comentaristas políticos que o atacaron por non entenderse con Podemos, índolle á chepa, en plenitude de éxtase agresiva, se esa situación se producise.

A teima de Pedro Sánchez en explicar que entenderse con Podemos suporía, na práctica, a existencia dun goberno bicéfalo, levoume a pensar se recordaría a experiencia galega do Goberno Bipartito, co PSOE e o BNG, de 2005 a 2009. Saín da dúbida ao ler a Pilar Cancela, deputada do PSOE por A Coruña, recoñecéndoo: “Una de las reflexiones que hicimos en el seno del partido es que perdimos el gobierno de la Xunta, entre otras razones, porque la ciudadanía percibió que había dos presidentes y que uno actuaba a las espaldas del otro”.

A ilusión que aquel goberno creara na esquerda e no nacionalismo galego foi moi grande e Isaac Díaz Pardo publicou na Voz un artigo no que dicía coñecer de vello a valía de Pérez Touriño e ter as mellores referencias de Anxo Quintana, polo que “podemos estar nun camiño de administración progresista que entenda ben a política e que poña a realidade do país por diante de toda ideoloxía”. Ese sentimento tiñámolo todos, e tamén, claro está, os membros do Goberno; pero cabo de pouco tempo as liortas entre grupos e líderes por marcar territorio propio e acadar protagonismo nos medios furaban as paredes de San Caetano e non era posible ocultalas: O secretario xeral da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar, da que era titular Anxo Quintana, quixo trocar o nome oficial do rótulo polo de Vicepresidencia sen máis e rematou no xuzgado, denunciado polos policías acompañantes dos traballadores que repoñían o primitivo. Tamén trascendeu a súa prohibición á TVG de emitir imaxes de Anxo Quintana, por entender que era ninguneado nos informativos en beneficio de Pérez Touriño.  

Touriño e Quintana esixíanse mutuamente lealdade e madurez, mentres os medios informaban de que o BNG rexeitaba o Plan Acuícola do PSOE; de que ao PSOE non lle gustaba nin o nome das Galescolas, escolas infantís promovidas pola Vicepresidencia de Igualdade e Benestar; das diferencias de criterio na promoción do idioma galego no proceso educativo e –o peor- do enfrontamento polas concesións do concurso eólico elaborado pola consellería de Innovación e Industria, dirixida polo nacionalista Fernando Blanco,   

Ao dimitir despois da derrota electoral en 2009, Pérez Touriño asumiu que non conseguira evitar a percepción de dous gobernos na Xunta.

Ben está que Pedro Sánchez escarmente en cabeza allea, pero, se eu estivese no seu lugar, o 10-N encomendaríame ao santo do día, san León Magno, o papa que detivo a Atila ás portas de Roma. Ou a san Íñigo Errejón, que pode ser moi abegoso.

Deixa un comentario