“Castelao na arte europea” premiado na Gala do Libro Galego

Castelao en el arte europeo

No ano 2015 anunciei a próxima edición do libro Castelao en el arte europeo, así, en castelán, en tradución do filólogo Alejandro Rodríguez Gómez, porque a Castelao haino que dar a coñecer fóra de Galicia. E editámolo, ou mellor, fixemos unha pequena edición para a campaña de presentación; pero a editoria crebou e a tirada quedou reducida a aqueles poucos exemplares iniciais. Non puiden dalo a coñecer fóra de Galicia, nin tampouco dentro. E tres anos despois, en Ferrol naceu unha pequena editorial con moitos azos –de aí o nome Editorial Garañón– e quixo presentarse editando a versión galega do meu libro, a orixinal, co título Castelao na arte europea. O director, Pedro Blanco Llano, amigo de hai máis de corenta anos, sabe todo o que se pode saber de libros, de aí que o meu sexa perfecto en todos os aspectos. No ano 2018 presentámolo na Real Academia Galega, na Academia de Belas Artes, en feiras e librerías, e a acollida foi espléndida. Tiña que ser porque non é un libro máis sobre o Castelao artista. A diferencia con calquera outro, mesmo co Castelao artista, de Luis Seoane, está en que o meu é un libro de debuxante a debuxante, á altura do panel; ollando de moi preto, mesmo dende a propia experiencia, o seu traballo artístico. E tamén de humorista a humorista, entrando nas claves do seu humor literario e no dos pés das súas viñetas.

¿Por que quixen facer este libro? Porque Castelao foi un debuxante e un humorista extraordinario, un mestre a quen estudar en todas e cada unha das súas facetas: caricaturista, humorista gráfico e ilustrador, no senso máis amplo do termo. Eu analicei a súa obra viñeta a viñeta, imaxe a imaxe, cando o caso o requeriu.

Refírome ao Álbum Nós, aos Álbumes de guerra, aos Debuxos de negros, aos Debuxos de cegos. E dixen o que penso, aínda que as miñas conclusións non sexan compartidas por outros estudosos. Considero que o eloxio esaxerado e a crítica inxusta son igualmente negativos, e Castelao recibiu uns e outras. Este é un libro á marxe de sectarismos e de beaterías, que o noso artista non necesita, porque nada importa que algúns debuxos non me parezan afortunados. Castelao é, co conxunto da súa obra baixo o brazo, un dos grandes humoristas gráficos europeos; e, malia a gravísima cegueira que padecía cando elaborou os álbumes de guerra, un dos mellores ilustradores de calquera confrontación bélica.

O libro ten moitas páxinas porque tratar do humor esixiume teorizar, unha vez máis, sobre os distintos xéneros: comicidade, sátira e humorismo. E porque escribín varios capítulos para explicar como un mozo de Rianxo chegou a ser “el más europeo de los dibujantes españoles”, en opinión de José Francés, o prestixioso crítico dos anos 20 e 30.

Hai outra razón –a máis importante- para escribir e publicar este libro. O Castelao teórico da arte, autor da estupenda conferencia “Humorismo. Dibuxo humorístico. Caricatura”, bebeu en fontes alleas; e o debuxante humorista e creador de estampas de guerra inspirouse noutros viñetistas e ilustradores. Facémolo todos, fixérono Velázquez e Goya; pero eu quixen saír ao paso de posíbeis acusadores de plaxio, que de todo hai no antigaleguismo. Neste libro aporto información descoñecida e sorprendente e coido que axudo a descubrir o Castelao humorista e artista máis auténtico.

Así o entenderon tamén os membros do xurado dos Premios da Gala do Libro, que o pasado día 11 o premiaron no apartado de “Difusión Cultural”. Alégrome por min, que levei este libro na cabeza case 50 anos; alégrome por Castelao, que vai ser máis e mellor coñecido; e alégrome pola Editorial Garañón, que apostou moi forte por esta obra. Sen dúbida todas as obras finalistas merecían o premio, pero esta miña tamén.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario