Puntadas sen fío: Piedrahita, Dolina e Wenceslao

Luis Piedrahita, Wenceslao Fernández Florez, Alejandro Dolina por Siro
Luis Piedrahita, Wenceslao Fernández Florez, Alejandro Dolina por Siro

O primeiro Encontro Mundial de Humorismo, organizado e dirixido polo cómico Luis Piedrahita, celebrouse con grande éxito a pasada semana na Coruña e homenaxeou o arxentino Alejandro Dolina, un xenio do humor. Eu homenaxeárao quince anos antes, cando escribín a comedia Hai que confiar na esperanza, ambientada no Buenos Aires de fins do XIX, e creei un personaxe bohemio, de enorme talento literario, a quen chamei Alberto Dolina, e era el. Alberto é o nome do amigo que, en 1990, me descubriu a Dolina a través do libro Crónicas del ángel gris e dunha manchea de disquetes con gravacións do programa radiofónico La venganza será terrible, que realiza desde hai máis de 30 anos.

Na Coruña fixo dous ante un auditorio de arxentinos e galegos, entre os que estaba eu. No primeiro contou que, de rapaz, ría tanto e tan forte lendo a Wenceslao Fernández Flórez que a nai corría a preguntarlle qué lle pasaba. Escoitalo volveume á mocidade porque era o meu caso, con quince e dezaseis anos, cando lía Las siete columnasEl secreto de Barba AzulLas gafas del diablo… e tamén miña nai viña ver se toleara, ao escoitarme tan fortes gargalladas.

Un dos acertos de Piedrahita foi a mostra sobre o autor galego, hoxe descoñecido, ou, peor aínda, mal coñecido, por dúas razóns. A primeira por «facha e franquista».

Home, un facha anticapitalista, antimilitarista, galeguista e ateo é difícil de imaxinar; e todo iso era Wenceslao antes da Guerra Civil. Franquista si, sobre todo despois que «roxos incontrolados» foran buscalo para «pasealo» e tivera que refuxiarse na embaixada holandesa. Salvouno Julián Zugazagoitia, unha das personalidades máis relevantes do PSOE, director de El Socialista e ministro con Negrín. Anos despois, en 1940, Zugazagoitia foi sometido a un consello de guerra, condenado a morte e fusilado. Wenceslao caeu na depresión e mortificouse acusándose de covardía porque o seu salvador lle pedira que declarase a prol del e non o fixera. O curioso é que si o fixera e o avogado de Zugazagoitia confirmouno: Wenceslao prestara declaración, coma o falanxista Sánchez Mazas e outros personaxes do Réxime, pero non valeu de nada.

De todos os xeitos, Wenceslao era un franquista daquela maneira. Amigo da familia Franco des que, con 18 anos, foi vivir a Ferrol para dirixir o Diario Ferrolano, non aproveitou a relación co caudillo en beneficio propio. Un día Franco chamouno ao Pardo e falaron:

-Nunca vienes a verme.

-Es que no tengo nada que pedirte.

E non volveu, pero poderíalle pedir que o liberase da saña dos censores, que non lle perdoaban o pasado e forzárano a escribir de temas banais.

A relación de Wenceslao co galeguismo foi moi intensa, tanto como a amizade con Castelao. Hai pouco descubrimos que Castelao o agasallou co manuscrito da conferencia «Algo acerca de la caricatura», lida en Vigo, en 1911, e Wenceslao gardouna sempre. Está na fundación á que o Goberno Bipartito quitara a subvención.

A outra razón do actual esquezo de Wenceslao é a nula colaboración da familia para reeditar as obras máis importantes. Ninguén con máis interese que Darío Villanueva, cando foi reitor en Compostela; e perdeu a paciencia. Crucemos os dedos para que os sobriños netos se mostren máis colaboradores.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.