Puntadas sen fío: Independentismo catalán e violencia

Independentismo catalán e violencia por Siro
Independentismo catalán e violencia por Siro

Torra e Puigdemont defenden a inocencia dos sete membros dos Comités de Defensa da República imputados por presuntos delitos de terrorismo e califican a súa detención de «montaxe policial e xudicial» co mesmo argumento: o independentismo catalán sempre foi pacífico. Non é certo, pero xa se sabe que o exercicio da política provoca amnesia. De non ser así, recoñecerían o contrario: no independentismo catalán, maioritariamente democrático, houbo sempre grupos tan violentos que, de non termos o referente do terrorismo vasco, falariamos, arrepiados, do terrorismo catalán.

O Complot de Garraf foi un intento de atentado da organización independentista catalá Bandera Negra contra Afonso XIII durante unha visita a Barcelona, en 1925. A ditadura de Primo de Rivera estaba a reprimir o catalanismo e a resposta desta facción radical ía ser o rexicidio. A relación de despropósitos que o fixeron fracasar daría un guión divertidísimo para unha película cómica, pero o atentado ía en serio e as biografías dalgúns integrantes -Jaume Compte,Marcelino Perelló, Daniel Cardona, Miquel Badia- proban que na violencia vían a emancipación de Cataluña.

A Front Nacional de Catalunya naceu en París, en 1940, para combater o franquismo e loitar pola independencia. Ergueron bandeiras catalás en lugares públicos e puxeron artefactos explosivos en monumentos franquistas e locais da Falanxe, pero as accións foron incruentas ata que no congreso celebrado en Montserrat, en 1974, se aprobou a loita armada e naceu o Exèrcit Popular Catalá, que en 1977 asasinou ao empresario José María Bultó ao poñerlle unha bomba no peito, que explotaría se non pagaba 500 millóns de pesetas nun prazo fixado. Descoñécense as causas, pero a bomba explotou. Oito meses despois sería Joaquín Viola, ex alcalde de Barcelona, quen sufriu o mesmo atentado e a mesma extorsión; e aquí si pode falarse con seguridade dun fallo no mecanismo da bomba. Foi tal a explosión, que Viola quedou decapitado e con el morreu a súa dona. Ninguén recoñeceu a autoría e non se puido probar que fose o Exèrcit Popular Catalá.

Terra Lliure empezou a actuar en 1978 e cometeu máis de 200 atentados con explosivos contra entidades públicas españolas. A bomba que fixo explotar nun xuzgado de Lérida, en 1987, causou a morte dunha veciña da casa colindante. Terra Lliure expresou en chamada telefónica a TV3 o pesar por «tan lamentable erro».

Antes, en 1981, secuestrara ao xornalista Federico Jiménez Losantos, daquela profesor dun instituto en Santa Coloma de Gramanet e promotor do Manifiesto de los 2.300, que denunciaba a discriminación lingüística dos castelán parlantes en Cataluña. Dous membros da organización levárono a un piñeiral, atárono a unha árbore e disparáronlle nunha perna. O historiador Enric Ucelay-Da Cal afirma: «En Cataluña, incluso hoy sigue sin ser condenado aquel acto».

Terra Lliure disolveuse en 1991, pero ante o temor de que atentasen contra as Olimpiadas de Barcelona, en 1992, o xuiz Baltasar Garzón dirixiu unha operación policial que levou a medio cento de membros ao cárcere. O indulto dos últimos presos foi das primeiras decisións do Goberno de José María Aznar, en 1996. Nas manifestacións do día 1 escoitáronse moitas voces que pedían, a coro, a volta de Terra Lliure; pero sospeito que Torra e Puigdemont non se enteraron.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.