Puntadas sen fío: Puigdemont y la oca

Puigdemont e a ocaPuigdemont conseguiu ser aborrecido en España e se os analistas políticos ven nel un dirixente cínico e irresponsable, como persoa é considerado parvo ou tolo en infinitos chistes anónimos, de enxeño desigual, e non faltan opinións de psicólogos que o describen como fanático, sectario, ególatra e mesiánico.

Que de parvo e tolo Puigdemont non ten nada é tan certo como que de fanático e sectario ten todo. Son verdades evidentes para calquera observador obxectivo e non necesitan demostración. O de ser ególatra e mesiánico é fariña doutro costal e haino que deducir das súas declaracións.

Ególatra parece cando se manifesta orgulloso de si mesmo e de terse feito a si mesmo: «Me considero con ánimo y con fortaleza interior para afrontar los retos. Nunca me han asustado». «Afronté a una edad muy temprana la dureza de la vida y me he cultivado a mí mismo». Cando se describe nun autorretrato que se lle parece como un ovo a una castaña: «Soy un antidogmático total. No soy una persona de las que sobreponen la ideología a la razón. El sectarismo me crea urticaria».

En canto ao mesianismo, non hai dúbida de que se sinte o caudillo chamado a cumprir unha misión histórica, que para el é tamén relixiosa. En abril de 2017 declarou: «Mi obsesión no ha de ser ver la independencia, sino hacerla posible algún día». É un novo Moisés que abre camiño á Terra Prometida, aínda que, coma o personaxe bíblico, tampouco el chegue a vela. A súa fe sostense nos firmes alicerces do catalanismo e do catolicismo; os da Igrexa catalana que se expresara a través de Torras i Bages, bispo de Vic: «A Cataluña la hizo Dios, no la hicieron los hombres y Cataluña será cristiana o no será». Das estadías pasadas, de mozo, no mosteiro de Poblet, di Puigdemont: «Allí aprendí qué soy y qué no soy».

Todo en Puigdemont é, en apariencia, transcendente, heroico, ideal; pero non é así e de demostralo encargáronse os caricaturistas con imaxes desmitificadoras. A caricatura -Henri Bergson cualificouna de «arte diabólica»- descobre os segredos da cara do modelo e, como a cara é reflexo da alma, tamén os segredos da alma. A clave da caricatura está en apreixar a expresión do modelo, que está nos ollos e na boca. Nas caricaturas de Puigdemont os ollos teñen sempre as pálpebras semicaídas e a boca non deixa de surrir. Puigdemont surrí sempre, cun surrir contido; sen despegar os beizos, sen mostrar os dentes. É unha boca como a dos patos debuxados por Walt Disney, pero, en conxunto -a ollada lánguida e os beizos fruncidos-, a expresión de Puigdemont, fixa como a dunha carauta, non é de pato, senón de oca.

A expresión da oca é a de quen non perde xamais a serenidade, de quen ten fe absoluta en si mesmo, de quen está por riba do ben e do mal. Puigdemont, apaixonado do espiritismo e do ocultismo, sabe que a oca foi mensaxeira entre o Ceo e a Terra no antigo Exipto, sagrada en Grecia e en Roma; e pensa que o xogo da oca, alegoría do Camiño de Santiago, pode selo tamén do procés. Por iso, consciente ou inconscientemente, adoutou a fisonomía da oca. Ou do ganso. En calquera caso, narcisismo puro e duro.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Puigdemont y la oca”

  1. Me ha encantado leer este artículo y espero que, esta especie de “topacho”, no cabe como una oca bien cebada en la ´mesa de Rajoy¨sino que los jueces le proporcionen, lo más pronto posible, unas vacaciones, en uno de los “hotelitos del estado”, con todo pagado, que bien se lo tiene merecido
    ¡Bravo Siro!.AZpertas.

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.