Puntadas sen fío: Franco, de Cuelgamuros ao Ceo?

Franco, de Cuelgamuros ao Ceo? por Siro
Franco, de Cuelgamuros ao Ceo? por Siro

O 15 de setembro de 1949 inaugurouse en Ferrol o monumento aos caídos na guerra de África, baixo a presidencia do Caudillo e con asistencia das autoridades civís, militares e relixiosas, locais e dos concellos limítrofes. De todos eles saíran buses ateigados de veciños que recibiron a Franco con aplausos e berrando o seu nome, mentres abaneaban pequenas bandeiras de España, repartidas por xoves falanxistas. Nun dos buses de Valdoviño chegara Xosé de Vilarrube; un homiño non ben asisado, que reloucaba de contento e non parou de menear a bandeira e de berrar “Franco! Franco!” durante a viaxe e o tempo de espera. Porén, cando Franco apareceu e as voces que o aclamaban se converteron en estrondo e toda a praza foi un mar de bandeirolas, Xosé ficou calado e serio, e non abriu a boca ata estar de volta na taberna da súa parroquia. Entón, con cara de pasmo e abrindo moito os brazos, contou que mentres todos aplaudían, berraban “Franco! Franco!” e abaneaban as bandeiras, baixou dun coche “un home cativo coma nós…”.

Claro que Franco era un home cativo coma nós, pero os franquistas encirráronse en convertelo nun super home –xenio militar, a espada máis limpa de Europa, estadista impar, o maior temperamento político desde Felipe II- e, ademais, Espada do Altísimo, Ser providencial para salvar a Igrexa do comunismo diabólico, Instrumento dos plans de Deus sobre a Terra…

Negar a queima de igrexas e conventos durante a II República ou reducila á desaparición de “cuatro birrias, sin ningún valor”, como fixo Valle Inclán, é un acto de cinismo semellante ao de Torra cando nega a violencia dos independentistas cataláns. Arderon un cento de igrexas e conventos, e da saña que movía aos incendiarios fala o número de relixiosos asasinados durante a Guerra Civil, verdadeiramente atroz. Por iso a Igrexa, agradecida, bendeciu o Alzamento como Cruzada cristiá; Pío XII nomeou a Franco Cabaleiro da Milicia de Xesuscristo; e o cardeal Eijo Garay díxolle mentres o levaban baixo palio: “Nunca he incensado con tanta satisfacción como lo hago con su excelencia”.

Parecía que eses recoñecementos abondaban, pero, en 1957, un grupo de franquistas solicitou para Franco o Capelo Cardenalicio porque ninguén fixera máis ca el pola Igrexa desde Constantino e Carlomagno. Os solicitantes sabían que para ser nomeado cardeal hai que estar ordenado sacerdote, pero confiaban en que Pío XII tivera “manga ancha”, como Paulo V cando fixera cardeal ao Duque de Lerma, en 1618. Non colou, pero da intentona fala Francisco Franco Salgado-Araujo no libro “Mis conversaciones con Franco”.

Podían os devotos franquistas superar tal petición? Podían e fixérono o 20 de novembro de 2018, cando cada membro da Conferencia Episcopal recibiu unha carta asinada por 5.241 persoas que solicitan a apertura da Causa de Beatificación de Franco, por razóns que poden consultarse na web francosanto.es, na que non faltan os milagres.

Xa o advertira Pilar, a súa irmá: “Un día tocarán a vuelo las campanas y mi hermano será santificado”.

Deixa a ver.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on pinterest
Pinterest
Share on linkedin
LinkedIn
Share on whatsapp
WhatsApp
Share on email
Email

Deixa un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.