Puntadas sen fío: Franco no Val dos Caídos

Franco no Val dos Caídos por SiroO secretario de Xustiza e Novos Dereitos do PSOE anunciou recentemente que a executiva do partido proporá ao Goberno a reactivación da Lei de Memoria Histórica, desaparecida durante o mandato de Rajoy por falta de presuposto, o que permitirá, entre outras cousas, sacar os restos de Franco da basílica do Val dos Caídos e converter o monumento «en un lugar de reconciliación y memoria de todos los españoles». O Partido Popular oponse e argumenta, como sempre fixo, que retirar os restos de Franco non leva á reconciliación, senón ao enfrontamento. Convén ler e escoitar a Juan de Ávalos, principal escultor dos varios que traballaron na Cruz dos Caídos, para entendermos cal debe ser a orientación a darlle nun próximo futuro e conseguir que, despois de corenta anos, España sexa a democracia madurecida que a maioría desexamos.

Exiliado en Portugal desde 1944 por ter o carné número 7 do PSOE en Mérida, Ávalos gañou en 1950 o concurso para a realización das esculturas da basílica da Santa Cruz do Val dos Caídos e convenceu a Franco de que a obra debería ser de temática relixiosa, sen a menor alusión bélica. Un día despois daquela conversa no Pardo, promulgouse o decreto polo que se acordaba que o conxunto monumental acollería mortos de ambos bandos.

A Franco interesáballe mellorar a propia imaxe ante os Estados Unidos e baleiráronse incontábeis foxas comúns para levar preto de 34.000 cadáveres á basílica. Aínda así, a Cruz dos Caídos nunca foi o monumento aos mortos dos vencedores e vencidos na Guerra Civil; pero se algunha posibilidade había de que chegase a selo, perdeuse cando o rei Juan Carlos autorizou o enterramento de Franco na basílica.

Un despropósito probablemente contra a vontade do finado, quen, 25 anos antes, encargara a Ávalos unha Piedade para o seu mausoleo no Pardo. A idea debeu de ser de Arias Navarro, alleo como todos os xerifaltes do réxime á percepción da Cruz como recordo indiscriminado das vítimas da Guerra Civil, que xa en 1973 encargara a Ávalos unha gran escultura do Caudillo para poñela na explanada, ante a basílica.

Ávalos fíxoa de mala gaña, pero fíxoa, e o día que debería mostrárllela a Arias e ao presidente Carrero Blanco, este foi asasinado por ETA e a escultura quedou esquecida nalgún almacén do Patrimonio Nacional. Se o Goberno de Pedro Sánchez consegue retirar os restos de Franco, o monumento poderá ser o recordo de todas as vítimas na loucura tráxica da Guerra Civil e un paso cara á reconciliación que hoxe semella imposible.

No 2004 o presidente Zapatero quixo pactar coa filla de Franco a retirada dos restos da basílica e ela respondeu o mesmo que a Paco Vázquez sobre a devolución do pazo de Meirás: non se oporía se o proceso se facía con respecto á figura do pai. Zapatero botouse atrás ante os ataques do PP, e hoxe os netos do Caudillo rexeitan o traslado e o portavoz da Fundación Francisco Franco quere mandar a Pedro Sánchez a África nunha patera.

1 comentario en “Puntadas sen fío: Franco no Val dos Caídos”

  1. Prohibido o traslado Dos Restos de Agustina de Aragón por tráfico de Heroina (Humorista que non lembro)

    Responder

Deixa un comentario