Puntadas sen fío: Castelao, Antón Fraguas e eu

Castelao, Fraguas e Siro
Castelao, Fraguas e Siro

En 1975 conmemorouse o vinte e cinco cabodano de Castelao con incontábeis publicacións e actos culturais en toda Galicia. Foi unha gran celebración colectiva, na que a contribución cidadá sería hoxe inimaxinable. En Ferrol houbo unha mesa redonda na que participamos Antonio FraguasRamón Piñeiro e eu. Fraguas tiña 70 anos, pero aparentaba máis, porque quería aparentar máis; tamén quería ser o paisano máis paisano de Cotobade e exercía como tal. A presenza de vello aldeán facíao entrañable, e cando aquela tarde empezou a contar qué pasaría se Castelao entrase no salón, co paraugas no brazo, ollando á xente cos ollos cegatos e saudando aos máis próximos cun apertón de mans, o auditorio entregóuselle.

Fraguas e Piñeiro foran amigos de Castelao e describírono como home e como galeguista; eu expliquei como un rapaz de Rianxo chegara a se converter en «el más europeo de los dibujantes españoles», en palabras de José Francés, o crítico de arte creador dos Salóns de Humoristas en Madrid. Por primeira vez falei da revista satírica alemá Simplicissimus e do debuxante noruegués Olaf Gulbransson, que tanta influencia exerceu en Castelao, e ilustrei a intervención con numerosas diapositivas. Fraguas estaba entusiasmado. Fora alumno de Castelao no instituto de Pontevedra e vírao debuxar. «Non sabe -dicíame- canto me teño preguntado onde aprendería aquel home a facer liñas tan xeitosas! Vaia, vaia. Así que o noruegués Olaf Gulbransson…». Piñeiro ría e non se estrañaba, porque xa tiña o meu texto para publicalo no número 47 da revista Grial, dedicado a Castelao. Entón Fraguas fíxome una pregunta:

-E como chegaría Castelao ao Gulbransson?

-Eu non o sei -respondinlle-, pero niso ando

E andei, e en 1979 tiña a resposta: Castelao chegara aos debuxantes de Simplicissimus polo escritor cubano Bernardo G. Barros, autor do manual La caricatura contemporánea. Conteino en Grial, nun ensaio que titulei Simplicissimus, Gulbransson e Castelao, coa satisfacción do deber cumprido. Tres anos despois Valentín Paz Andrade publicaría o libro Castelao na luz e na sombra e nunha nota a pé de páxina tacharíame de argalleiro con argumentos sen xeito, que rebatín en Grial. Pediume desculpas e a segunda edición saíu sen a nota, pero a experiencia amoucárame e deixei que outros afondasen na relación de Castelao con Bernardo G. Barros. En 1997, mentres entrevistaba e caricaturizaba a Fraguas para La Voz de Galicia, conteille algo do que os estudosos deberían atopar, e el, que era un santo, poñía cara de malo, sinalábame co índice e animábame:

-Non agarde por ninguén! Publíqueo vostede!

Tiña que facelo porque a teoría que Castelao expón na conferencia «Humorismo. Dibuxo Humorístico. Caricatura é de Barros», e varias viñetas humorísticas, algún debuxo de guerra e ata o cartel do Estatuto están inspirados en debuxantes deL’Assiette au beurre. Todo é explicable, pero esa información, manexada polo antigaleguismo, permitiría acusar a Castelao de plaxiario. Publiquei o libro en castelán, en 2016, coa xenerosa axuda de Victoria Carballo-Calero, e en galego, en 2018, co título Castelao na arte europea. Recibiu o premio no apartado de Divulgación Cultural na recente Gala do Libro Galego e, naquel momento, debinllo dedicar a Antonio Fraguas; pero faltáronme os reflexos. Fágoo agora, da forma máis sentida.

¿Te gustó este artículo? Compártelo

Facebook
Twitter
Pinterest
LinkedIn
WhatsApp
Email

Deixa un comentario