Artículo disponible en contenidos en galego
Hai cinco meses Luís Mera propúxome presidir o Club de Prensa de Ferrol, e, malia o problemático que resulta para alguén que, coma min, reside fóra da cidade, aceptei porque eu a Luís Mera non lle podía negar nada. Coido que ninguén que coñecese a bonhomía de Luís Mera e soubese do inmenso labor que no eido da cultura fixo durante coarenta anos na nosa cidade, podería negarlle nada.
Aceptei tamén –debo recoñecelo- porque o Clube de Prensa era como un tren de alta velocidade que circulaba por unha vía completamente segura, des que, anos antes, Luís Mera se incorporara ao equipo directivo e puxera o seu saber, a súa experiencia, a súa capacidade organizativa, a disposición da entidade. Luís garantía o éxito do Clube e tamén o da miña xestión.
Eu temía –tamén é verdade- que aquela emocionada despedida da vida que Mera fixo no Auditorio da Fundación Abanca, a noite do 31 de maio de 2013, na homenaxe que un grupo de amigos, membros todos do Clube de Prensa, organizamos para agradecerlle o seu extraordinario labor, estivese xustificada e que o tempo que estaba a vivir fose demasiado breve; pero esa era outra razón para non fallarlle, para atender a súa chamada.