Enrique San Francisco en Ferrol

Enrique San Francisco por Siro
Enrique San Francisco por Siro

Cando publiquei na Voz a serie Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín, dediquei un par de artigos a Luis RuizYepes, un home de familia humilde, nado no pobo manchego de Huerta de Valdecarabanos, que viñera traballar a Ferrol na empresa que daquela chamaban A Contrutora. No primeiro artigo contei que casara coa ferrolana Antonia Pérez Blanco, puxeran casa nun baixo da rúa Taxonera, e tiveran cinco fillas e un fillo: Antía, Charo, Calixta Rosa, Elisa, María e Gregorio. Tamén dixen que era home tan emprendedor que empezou a buscar a peseta desguazando algúns pequenos pesqueiros vellos ou accidentados e, case sen darse conta, se convertera nun importante empresario que desguazou barcos tan coñecidos coma o Canarias e míticos coma un submariño alemán da Primera Guerra Mundial, afundido na ría de Ferrol.

Pois ben, un día, a comezos dos anos sesenta, a xove Charo Ruiz Pérez viaxaba en tren de Madrid a Ferrol, cando apareceu no seu compartimento un neno loiro, de ollos enormes e azúes, que empezou a falar con ela e facerlle preguntas, como se a coñecese de toda a vida. E alí estiveron, fala que fala, ata que apareceu un frade, preocupadísimo, en procura do neno que traía con el e largara mentres conversaba con outro viaxeiro nun vagón de segunda. O frade presentouse como Francisco Vázquez, profesor no colexio Tirso de Molina de Ferrol, e contou a Charo que o neno se chamaba Quique, non tiña pai e a nai movíase no mundo do teatro e do cine, polo que, malia ser tan pequeno, xa fixera ou participara en anuncios publicitarios para a TV.

Na estación de Ferrol despedíronse cordialísimamente, intercambiaron os teléfonos e prometéronse novos encontros, porque Quique ía pasar todo o verán co frade. Pero non foi así. Quique aburríase co padre Francisco e langreaba por volver con Charo, así que, cabo dunha semana, o frade chamouna e Charo levou a Quique á casa familiar dos Ruiz Pérez, onde foi recibido coma un regalo. Mercábanlle xoguetes, levábano ás praias, coidábano, mimábano e rían, rían, rían moito con el porque era tan inquedo como divertido. E así decorreu o verán; pero un día recibiuse unha chamada telefónica da nai de Quique, dicindo que o neno tiña que volver a Madrid para facer novos traballos publicitarios. E marchou, e nunca volveu. Moitos anos despois, cando Quique San Francisco era un actor de éxito, Charo foino ver a un teatro de Sevilla e, ao rematar a función, acudiu ao camerino a saudalo. Tivo que esperar a que saíse a Duquesa de Alba, a primeira en felicitalo, e cando se deu a coñecer, Quique emocionouse. Abrazouna e falou daquel verán como un tempo absolutamente feliz.

Os camiños da vida fóronos distanciando, pero estou certo de que os membros da familia Ruiz Pérez sentiron dun xeito especial a morte deste home singular, pero excelente persoa, que foi Quique San Francisco.

Deixa un comentario