O apóstolo Manuel Espiña

Manuel Espiña por Siro López
Manuel Espiña por Siro

Apóstolo si. Dunha igrexa galega ideal, inexistente; mais tamén do galeguismo, da cultura galega, do idioma galego, reais pero en perigo de morte. Durante cincoenta anos, des que, ordenado sacerdote, entendeu que se Xesús predicou en arameo -a lingua dos humildes-, tamén el debería facelo en Galicia na lingua do pobo. Fíxoo e creou os textos necesarios para quen quixese seguir o seu exemplo.   

Espiña chegara á Coruña en 1965 como coengo da Colexiata e nesta cidade  desenvolveu un intensísimo labor en varias frontes. A pastoral, en procura da liturxia en galego, que Roma aprobaría en 1969; a galeguización dos fieis, coa participación en publicacións como Encrucilladae Irimia, na Romaxe dos Crentes Galegos e a creación da Comunidade Cristiá Home Novo, en 1973, na que –di o teólogo Victorino Pérez Prieto- “tivo o apoio máis íntimo para levar adiante o proxecto galeguizador, e sería o seu caxato ao final da súa vida”.  A pedagóxica, impartindo clases de latín, grego, francés e teoloxía católica en varios centros educativos; e a xornalística co espazo Outeiro de San Xusto en La Voz de Galicia, que se mantivo 32 anos; de 1970 a 2002. Semellaba imposible que aquel home pequeno, de ollos adormiñados e sorriso inxenuo, poidese ter tanta enerxía vital; pero tíñaa. Era a enerxía da fe. Coma o papa Xoán XXIII, Espiña cría no que facía porque facía o que sentía como cristián. 

No Outeiro de San Xusto foi máis que a voz dos fieis que arelaban unha Igrexa Católica Galega. Tantos e tan diversos temas tratou, que aquela columna deu voz, nos anos setenta, a cantos queriamos pensar e falar con liberdade.

Os moitos valores do Outeiro de San Xusto sinalounos Xosé Luís Barreiro Rivas no espléndido prólogo da escolma editada en 2008. Dos valores de Manuel Espiña trataron moitos amigos que o quixeron e admiraron; pero coido que ninguén falou do seu sentido do humor, que era tamén extraordinario.

Seguidor do programa radiofónico Corre Carmela que chove, que durante 21 anos emitiu Radio Voz, Espiña pasmaba coa perfecta imitación que Moisés Morales facía de monseñor Rouco Varela. Cando Rouco deixou Compostela para ser bispo de Madrid, Espiña dedicoulle un artigo agarimoso e a min ocorréuseme embromalo. Chameino a casa e con voz finxida díxenlle á nai que monseñor Rouco quería falar con el. Estaba ceando pero veu ao trote polo corredor e durante cinco minutos falaron animadamente ata que collín o teléfono e espeteille: -Picaches. Calou uns segundos, atordoado, e preguntou o que xa sabía: -É o rapaz? Pero en vez de enrabecharse, colleu o coche e nun santiamén apareceu ante nós para abrazar a Moisés e felicitalo.

Manuel Espiña morreu un 28 de febrero, hai dez anos, e non quero que o coronavirus me impida recordalo.

Deixa un comentario