Puntadas sen fío: Unha historia familiar

Unha historia familiar por SiroO día 8 presentamos no Ateneo de Ferrol o libro que a Deputación da Coruña editou para dar a coñecer o meu labor de xornalista, debuxante e pintor. Celebrar un acto tan gozoso na cidade en que nacín e vivín ata os 42 anos, ante un auditorio cheo e en presenza do presidente da Deputación, Valentín González, moveume a contar unha historia familiar curiosa e entrañable.

Un dos políticos galegos máis respectados na Segunda República foi o ferrolán José López Bouza, que evolucionou do anarquismo ao republicanismo de centro e chegou a ser gobernador civil da Coruña, Ourense e Lugo, e a presidir a Deputación coruñesa. López Bouza chamábase tamén meu pai, albanel de profesión, dez anos máis novo ca el e de complexión e riscos fisionómicos semellantes. A casa familiar do José político estaba no Cantón 8 e a de meus pais no Campón 8, polo que con frecuencia recibían correspondencia dirixida a el, que os meus irmáns lle levaban á casa, e así naceu unha relación cordial entre as familias.

 José López Bouza presidiu a comisión que levou, en xullo de 1936, o Estatuto de Autonomía a Madrid e, ao se producir o Alzamento, desoíu o consello de Castelao e volveu a Ferrol, onde foi detido e fusilado. Meses despois prenderon a meu pai, afiliado á UXT e ao PSOE e actor do grupo de teatro do Coro Toxos e Froles, «por representar obras de marcado matiz político social», e condenárono a 30 anos, que empezou a cumprir no cárcere improvisado no castelo de San Felipe. Ao sabelo, a viúva de José López Bouza chamou a miña nai e deulle a roupa de abrigo do seu home para que meu pai se defendese do frío.
 
O fillo de José López Bouza, da idade do meu irmán, foi desde rapaz un excelente debuxante que, asesorado por Castelao e Bagaría, publicou en El Sol e en La Vanguardia. Morto o pai marchou ao Brasil, onde empezou unha actividade artística na que acadaría prestixio internacional. O seu segundo apelido era Fernández, pero, en homenaxe ao pai, asinou as obras como José López Bouza e trouxo tola á brigada social da policía en Ferrol. Meu pai pasou catro anos no cárcere e en 1943 nacín eu. Ata o 1950, de tempo en tempo, a policía espertoume pola noite cando se presentaba na casa para detelo. Durante algúns anos máis seguírono detendo mentres vía xogar o Racing no Inferniño ou xogaba el ao dominó no Rubalcaba.
 
José López Bouza volveu a España en 1973, pero non nos coñecemos ata 1977, cando Galaxia editou os meus Pecados Capitales. Chamoume, fixémonos amigos e intercambiamos debuxos. Nas paredes do estudio teño dous seus, espléndidos; non hai día que non os admire e recorde a súa xente e a miña, das que só quedo eu.
 

Deixa un comentario