María Victoria Moreno debeu de ser militante ou simpatizante do BNG porque este ano a celebración do Día das Letras Galegas foi unha balsa de aceite e non se oíu unha voz en contra para reivindicar a Carballo Calero. Pola contra, en Pontevedra partiu do BNG a iniciativa de dar o seu nome a unha avenida e, ao facelo, o alcalde Fernández Lores dixo que os pontevedreses vivían unha xornada feliz porque se daba «un paso xigante para poñer luz onde había sombra, para pintar de violeta o que antes era gris, para trocar as armas polas letras, a carraxe polo sorriso, a violencia polo amor». Precioso. Mágoa que no 2015 fose el quen trocou o sorriso pola carraxe para censurar a dedicatoria a Filgueira Valverde e dar o pistoletazo de saída aos «incontrolados», que, armados de sectarismo e ignorancia, se lanzaron a denigrar a figura do homenaxeado por ser alcalde no franquismo.
Non recordo nada tan ruín no mundo da cultura galega porque Filgueira foi alcalde con Franco, non alcalde franquista, e só aceptou o cargo a condición de non ter o de xefe local do Movemento. Filgueira foi home sabio e home digno, e non se me ocorre mellor imaxe da dignidade persoal que as fotos de actos institucionais en Pontevedra cos militares e civís brazo en alto e el, o alcalde, en posición de firmes.
Eu tamén quero un Día das Letras Galegas para Carballo Calero, e aínda que entendo os receos da Academia polo problema que supón o reintegracionismo, hai un Carballo Calero anterior á etapa reintegracionista que merece ser homenaxeado.