
O Día das Letras Galegas dedícase este ano ao etnógrafo Antón Fraguas Fraguas, figura relevante na cultura galega e persoa queridísima pola súa bonhomía. No ano 1997 entrvisteino e caricaturiceino para a sección Riscos, que eu facía semanalmente en La Voz de Galicia. Coido que a conversa e a caricatura permiten coñecer a rica personalidade deste home todo humildade e bo, boísimo humor.
Entrevista a Antonio Fraguas no ano 1997: “O tempo non é para matalo, senón para vivilo”
-¿Que idade ten, don Antón?
-Se chego alá, o 28 de Nadal farei 92 anos.
-Levaríalle tempo facelos.
-Non tal. Chégase moi axiña. Mire, dixéramo Xulián Marías e dixera ben: “A partir dos 50, sempre é Nadal”. Certo. Hai ano e medio apaguei 90 candeas e parece que foi onte. O tempo voa.
–Para acadar a súa idade ¿que é mellor: unha boa saúde ou unha mala saúde de ferro?
-Unha saúde intermedia. A trécola está en non facerse notar moito. Eu tívenlle as miñas cousas, non crea. Por ter, ata tiven a sarna e outro mal que seica viña de Cuba e chamábanlle o gusto cubano.
-¿Cando somos vellos? ¿Quizais cando sentimos máis nostalxia do pasado ca ilusión polo futuro?
-Cando nos asinan o certificado de defunción, que tampouco é cousa grave. Como dicía o bombeiro de Santiago, “despois de todo, morrer non é ningunha vergonza”.
Pero é verdade que mentres hai ilusión, hai vida, de aí que non me sinta vello de todo, porque eu non a perdín. Aínda vou ás xuntanzas do Museo do Pobo Galego e a algunhas da Academia, publico algún artigo en Galicia e Portugal, dou de cando en vez unha conferencia… E así, ímola andando.
Nostalxia do pasado non lle teño moita, que vivín cousas horrorosas.
–Seica aborrece o aceite de ricino.
-Aborrezo, si señor; por poderosísimas razóns.
–¿Fixéronlle beber moito?
-Non, moi pouquiño, pero como humillación foi abondo.
–¿Como recorda aquel mal trago?
-Eu era profesor de Xeografía e Historia no instituto da Estrada, e co grupo galeguista da vila fixeramos a campaña do Estatuto. Ao se producir o Alzamento viñeron uns falanxistas de fóra e con varios mozos, algúns deles ex alumnos meus, organizaron a represión. Primeiro déronnos o ricino e logo mandáronnos borrar con cepillos e sosa viva todas as pintadas de ESTATUTO SI, que fixeramos no chan, arredor da fonte e noutros lugares concorridos. Os rapaces da vila, por me favorecer, na vez do cepillo e a sosa metéronme nas mans unha bandeira, que sería a falanxista, digo eu. Tiñamos que ir cantando o Cara al sol, pero como eu non o sabía, trabucábame e díxome un deles: “Non cante, don Antonio, non cante; deixe”.
–Despois daquelo foi expulsado do ensino.
-Suspendido de empleo y sueldo, dicía o decreto. Cabo dun ano puxen escola en Santiago, unha pasantía, e tiven a satisfacción de contar entre o alumnado con moitos rapaces da Estrada.
-Ese sería un dos días máis tristes da súa vida. ¿Cal foi o máis ledo?
-O día que gañei a cátedra no ano 50. Tivera que enfrontarme non só ás probas oficiais, senón tamén á denuncia doutro opositor, que me acusou ante o presidente do tribunal de ser politicamente peligroso.
–¿Érao?
-¡Que había de ser! Perigoso podo resultar agora, que ando con bastón, “arma contundente e arreboladiza”, segundo algúns diccionarios; pero politicamente sempre fun un liberal, un demócrata. Por eso non me gosta recordar o horror da Guerra Civil e da longuísima posguerra, que cambiaron a miña vida por completo. Dóeme a alma.
–¿Poden algunhas persoas cambiar o noso destino?
-Poden. Mire, Montero Ríos puido cambiar o destino de meu pai cando lle dixo á miña avoa -que cada quince días lle levaba o queixo á casa-: “Gregoria, trae o rapaz a Pontevedra, que eu fágocho mestre de escola”. Pero miña avoa non quixo, porque meu pai xa empezara a traballar de canteiro. O meu destino cambiouno o mestre que falou cos meus pais para que fixesen un esforzo e me desen estudios, e convenceunos.
–¿Unha encrucillada?
-Ás veces si, porque o destino pode depender do acerto ou desacerto no camiño que se escolla. Hai camiños sen retorno.
–¿Un libro?
-Home, Os camiños da vida, de Otero Pedrayo; a poesía de Rosalía, os versos de Pondal…, todo eso engaiola e pode servir de guía.
–Falando de libros e de guías, se vostede escribise outra Divina Comedia, ¿a quen escollería como guía?
-A Otero Pedrayo, sen dúbida. Unha das cousas que máis sentín foi non poder asistir á súa cátedra, polo que tiña de sabio e de boísima persoa; pola súa oratoria esplendorosa, con toda a fantasía do mundo.
–Foi a gran figura da Xeración Nós.
-Eu coido que si. A gran figura dunha gran xeración, que estaba a facer moitas cousas importantes. ¡Canto non melloraría o país se a guerra non esmagara o seu labor!
–Vostede, que andou toda Galicia, ¿viu algunha vez a Santa Compaña?
-Eu non, pero Xosé María Castroviejo si. Dixéranlle por onde ía pasar unha noite e alá foi. Aínda que era home valente e destemido, tomou unha copiña ou dúas para temperarse, e viuna. Contouno el e haino que crer.
–Vexo que conserva íntegro o sentido do humor.
-Si, o humor si. A vida vai en serio, sabe, e haina que condimentar cun chisquiño de humor. Fíxeno sempre, nas clases, nas conferencias, nas conversas privadas, e comprobei que a xente o agradece.
–¿Vale moito a experiencia?
-A min paréceme que non. As únicas que valen son as malas.
–Dicía Campoamor que “a experiencia é un sabio feito a tropezóns”.
-E así é. A experiencia é unha materia difícil. A máis dura penso eu.
–¿Que é o máis difícil de conseguir ao longo dunha vida?
-Aproveitar o tempo. Hai que rexeitar a expresión matar o tempo, porque o tempo é para vivilo, non para matalo. Xa se sabe: vita brevis est.
–¿Pódese traducir iso por “a vida é unha breva”?
-Non a é para ninguén. A traducción é a que é. Por moitos anos que se teñan, a vida é breve. Pero voulle dicir unha cousa: eu o tempo aínda o fun aproveitando; o que non conseguín -velaí o meu gran fracaso- foi ser ben ordenado. ¡Nada, niso son un desastre total! Ás veces teño que escribir tres veces o mesmo artigo, porque perdín os dous primeiros.
–¿Prefere que lle chamen sabio ou bo?
-Prefiro que me chamen bo, porque sabio nunca fun.
–Pero bo, si.
-Medianamente bo. Procurei axudar a quen puiden, e nunca pedín para min.
Dous xenios…Antón e Siro
Moi bo artigo e Siro reflicte a Alma de Antón Fraguas.
Méritos compartidos de Don Antón e o amigo Siro.
Apertas