Puntadas sen fío: Nadal e Gómez Noya

A pasada semana o tenista Rafa Nadal e o triatleta Javier Gómez Noya culminaron dúas xestas deportivas extraordinarias. A de Nadal, gañador do US Open 2017 e de novo número un do mundo, foi amplamente comentada polos medios de comunicación españoles; a de Gomez Noya, absolutamente incrible ao se proclamar campión do mundo de triatlón na modalidade de medio ironman, moito menos.

De Nadal eloxiouse, sobre todo, a capacidade de loita que lle permitiu volver ao cumio desde o pozo sen fondo en que caera. Nada máis xusto, pero, ¿e a enteireza de Javier, que de rapaz houbo de enfrontarse aos poderosos organismos deportivos españoles para poder competir? Desa épica vai a biografía que os xornalistas Alonso Lois e Antón Bruquetas presentaron en 2015 nun libro que, por algo, titularon A pulso.

Javi naceu hai 34 anos en Basilea, nun fogar de emigrantes, que tres meses despois volvían a Ferrol; onde o neno medrou e descubriu o triatlón cos bombeiros. Era un superdotado pero, aos quince anos, os cardiólogos do Consello Superior de Deportes descubriron que tiña o corazón demasiado grande e unha válvula aórtica que non pechaba ben. Negóuselle a licencia para competir. A familia, despois de consultar a prestixiosos especialistas británicos e estadounidenses, que non viron ningún perigo na práctica deportiva, acordou que o fixese con equipos estranxeiros. A Federación Galega de Triatlon apoiouno, pero a Española tentou, por todos os medios, impedir que participase en calquera evento deportivo. Foi unha persecución asañada, cruel e absurda con algún trasacordo ante a evidencia dos éxitos.

En novembro de 2003 Javier recuperou a licencia, acudiu a Nova Zelanda e gañou a competición. Ilusionouse con ir aos Xogos Olímpicos de Atenas en 2004, e deixou os estudos de Enxeñería de Camiños. Porén, a Federación  non o levou.

En 2005, días antes de voar a Hawai e México para disputar as dúas primeiras probas da Copa do Mundo, o Consello Superior de Deportes  pediu á Federación Española a inhabilitación da licencia de Gómez Noya “para toda competición oficial”. Ao non poder competir en probas oficiais, Javier disputou en Francia a prestixiosa France Irontour, de carácter privado, e gañou as seis etapas. Por fin, en febrero de 2006, despois de incontábeis xestións e informes de especialistas, conseguiu a licencia e multiplicou os éxitos, entre eles cinco campionatos do mundo de triatlón olímpico e dous de medio ironman.

En 2016 chegoulle o recoñecemento oficial coa concesión do Premio Princesa de Asturias. Puido ser o ano do ouro olímpico, pero caeu, rompeu un brazo e non foi a Río. Ninguén o descarte para Tokio 2020. Javier descende, por parte de pai, daquel Grandal veciño do concello de Serantes no século XIX, home tan forte que, cando a garda civil foi detelo, atopárono arando e, ao lle preguntar pola casa de Grandal, colleu cunha man o arado de ferro e dixo: “A casa de Grandal é aquela e Grandal son eu”.

Por certo, se a Nadal non lle viron o corazón grande, é que non o miraron ben.

 

Deixa un comentario