O goberno de A Coruña acordou retirar a vidreira da entrada no Pazo Municipal porque nela figura o escudo preconstitucional. Xa en 2009 se debatera a conveniencia de quitala en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, creada dous anos antes, pero a comisión de expertos consultada polo concello non chegou a un acordo e decidiuse conservala como “peza de museo inserta no edificio municipal”. Agora o goberno de A Marea, presidido por Xulio Ferreiro, decidiu facelo e tivo o acerto de encargar a substitución á Sociedad Maumejean de Vidrieras Artísticas, que fixera e instalara a actual en 1955. Os Maumejean foron, en orixe, unha familia francesa de mestres vidreiros que acadaron prestixio internacional, chegaron a Madrid hai 120 anos e crearon obras de arte en toda España, das que é exemplo excelente a do Pazo Municipal de A Coruña.
Son moitas as vidreiras e moitas as esculturas e pinturas valiosas artísticamente que desapareceron ao entrar en vigor a Lei da Memoria Histórica e xa a comisión de asesores do concello coruñés recomendara, con bo criterio, crear un museo que recollese as obras que, por valor artístico ou histórico, merecesen ser conservadas. Non se fixo e foi mágoa porque o edificio do cárcere, agora en ruínas, sería un marco idóneo.
Eu tentei que o “Museo da Memoria Histórica” se crease en Ferrol, por ser berce do Caudillo e sufrir unha represión brutal ao se producir o Alzamento. Acollería a estatua ecuestre de Franco, do escultor madrileño Coullaut Valera -non das máis afortunadas, por certo-, que durante 36 anos mortificou á roxería ferrolana; a de Millán Astray, de Xoán Piñeiro, retirada na Coruña en 2010 -unha xoia da escultura galega- e outra iconografía e documentación de personaxes destacados nos dous bandos. Eu aportaría os retratos do almirante Azarola e do capitán de navío Juan Sandalio Sánchez-Ferragut, que mandaba o buque Almirante Cervera, fusilados polos golpistas por se manter fieis á República. O museo debería ser o primeiro paso para poñer fin a estoutra Guerra Civil que mantemos os fillos duns e doutros, pero non tiven éxito. Seica aínda non se dan as circunstancias para a reconciliación.
O que non entendo é o criterio para retirar nomes, placas e monumentos franquistas. Madrid, Barcelona e moitas outras ciudades teñen rúas dedicadas a Ramón Franco, que despois de exercer durante anos de anarquista feroz, rematou, porque quixo, baixo as ordes do irmán, que o ascendeu a teniente coronel e nomeouno comandante da base de hidroavións de Pollensa, en Mallorca. Desde entón bombardeou con saña aos republicáns e morreu cando se dispuña a lanzar bombas sobre Valencia. E como creo que a Memoria Histórica non pode ser selectiva, senón aberta á verdade, aínda que doa, tampouco entendo que en Madrid haxa a rúa Santiago Carrillo. Porque os mortos deles son tan mortos coma os nosos. ¿Ou non?