Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín é o primeiro verso dunha canción que as rondallas ferrolás popularizaron in ille tempore e que todos os cidadáns da miña idade entoamos a coro en cada ocasión de exaltación da amizade, ás que eramos proclives. Por iso o tomei como título dunha serie de artigos ilustrados, na que quixen contar os meus recordos desde a tenra infancia deica o ano 1985 en que fun vivir a Coruña. Foron 278 capítulos que saíron na edición de Ferrol de La Voz de Galicia durante cinco anos longos. Foi tamén un dos meus traballos periodísticos máis gratificantes porque os meus recordos se viron arrequecidos cos dos lectores, que estaban na cidade e en lugares inimaxinábeis de todo o mundo.
Déixovos unha pequena mostra do que foi aquela serie, que confío en ofrecer completa nunha próxima edición en papel.