Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Punto final

278_ferrol_ultimoSe tivese que responder a pregunta de cales foron os traballos máis gratificantes no meu facer de xornalista, citaría o programa radiofónico “Corre Carmela que chove”, o curso de galego “¿Imos aló?” para a TVG, o conxunto da caricatura política como debuxante, e esta sección “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín” na escrita. Foi un pracer e unha honra saberme seguido por tantos lectores, sobre todo, por ferroláns que o fixeron a través da Voz dixital en moitas cidades de España e en moitos países do mundo. Recibir os seus correos agradecidos, emocionados ás veces, por ver citados a familiares e amigos; axudarlles a recordar vivencias esquecidas, foi a maior satisfacción das moitas que esta sección me deu.

É o momento das desculpas e da gratitude. Desculpas polos erros cometidos cando a memoria me fallou, e gratitude pola comprensión e colaboración que atopei en vostedes para corrixilos no libro que nalgún momento publicarei. Necesitaría moitísimo espazo para comentar as axudas recibidas. Pablo Cartagena, dende Alemania; Miguel Amador, dende Holanda; e en Ferrol Carlos Vidal, Guillermo Llorca, Burgoa, Armando Méndez, Anoeta, Luis Penín, Loli Pita, Selo… e tantos outros amigos que puxeron a súa memoria ao servizo da miña. José Vázquez Deus chegou a enviarme a letra completa e a partitura do “Milagre de San Antoniño”, que recitaba e cantaba Antonio Montaña. Marica Yáñez, despois de non saber dela des que, nos anos setenta, era a musa da Transición para os universitarios composteláns –“Marica é nosa, que non é de FENOSA”, líase nas pintadas-, apareceu un día para darme a letra completa do cuplé dos maquinistas ferroláns, que a súa avoa lle aprendera. Cantábase coa música de “Agua que no has de beber”, empezaba dicindo “Soy novia de un alumno maquinista/ de la escuela que hay en Ferrol./ Dejé mi profesión de cupletista/ por dedicarle todo mi amor”. Estrofa a estrofa ía medrando en picardía, ata rematar:

De Trigonometría entusiasmado,

de cotangentes

lección me dió;

de senos y cosenos, en repaso,

les garantizo

que se lució.

Non podo comentar todo o que quixera, polo que vou á pregunta que me facía no artigo anterior: ¿Por que a colección do naturalista ferrolán Víctor López Seoane foi a Coruña en vez de vir a Ferrol?

Eu sabía a resposta porque lla oíra a Mario Couceiro un día que lle deu un arrauto crítico contra os alcaldes ferroláns, pero agora ratificoumo Mercedes Gasalla, que viviu o proceso en primeira liña: a colección de López Seoane foi a Coruña porque o alcalde de Ferrol –polas datas tivo que ser Rogelio Cenalmor-, non a quixo. Non coñecía ao naturalista e a colección non lle interesou.

Claro que outro día, cando alguén propuxo facerlle unha homenaxe a José Lorente, un dos grandes prestidixitadores do mundo, a Mario deulle o arrauto, dixo que Lorente era un titiriteiro, e a proposta quedou en nada. Ferrol podería ofrecer hoxe aos visitantes a espléndida colección de López Seoane e os curiosísimos recordos do mago Lorente, pero a cidade ten –cómpre recoñecelo- algo co Saturno que devora os fillos. Por eso quero citar un ferrolán que non debe faltar nesta crónica de recordos: Jaime López Pérez, falecido hai poucos anos. El foi quen, cumprindo a obra de misericordia de visitar aos enfermos, fixo amizade no asilo de Ferrol cunha irmá de Pepito Arriola, e, cando a señora morreu, herdou unha maleta con partituras inéditas de obras compostas polo pianista. Alí estaban, entre outras, , para barítono e orquestra; “Tres textos cervantinos”, e a habanera “Aurora”, de sabor ferrolán. Se hoxe José Arriola é valorado como compositor é porque Luis Mera levou estas partituras ao Consello da Cultura Galega, e porque Jaime López Pérez evitou que fosen destruídas. Recordalo aquí é de xustiza.

E despois de cinco anos longos entoando o “Ferrol, Ferrol, Ferrol…” tamén eu debo trocar a partitura para dicirlles “Adiós con el corazón, que con el alma no puedo”. Grazas e deica sempre.

1 comentario en “Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Punto final”

  1. No es una despedida artista.
    Siempre te quedas en la retina de la gente que aprecia tu obra.
    Disfruta de tu vida y de tu tiempo. .lo mereces. Un abrazo.

    Responder

Deixa un comentario