Ferrol, Ferrol, Ferrol, onde eu nacín: Amancio Prada en Ferrol

amancio_prada
Amancio Prada

Unha mañá de domingo do ano 1975, mentres me enxabronaba a cara coa brocha para afeitarme a navalla, chegoume da radio unha voz de home que cantaba “Campanas de Bastabales/ cando vos oio tocar/ mórrome de soedades”. Corrín ao salón, e, coa brocha na man e a cara chea de escuma, senteime a escoitar, engaiolado, a aquel cantor para min descoñecido, que interpretaba a Rosalía como ninguén o fixera antes. Agardei que os locutores desen o nome, e así souben que existía un cantautor do Bierzo, chamado Amancio Prada, que estivera cinco anos en París, vivía en Segovia e gravara un disco con poemas de Rosalía.

Merquei o disco, fíxenme co enderezo postal de Amancio, e escribinlle para felicitalo. Respondeume e quedamos en vernos á primeira ocasión, que se presentou pouco despois, cando fun a Madrid no meu coche e me desviei a Segovia. Nunha tenda de alimentación, perto da súa casa, vin un home xove, co pelo e a barba negros e longos, guapo coma un Cristo de Leonardo, que vestía camisa branca, pantalón vermello e chaleque escuro. Achegueime a el e díxenlle: -Ti es Amancio Prada. Asentiu, dinme a coñecer e levoume a comer á súa casa, onde coñecín a Teófilo Caamaño, un republicano de Carnota, que vivira exiliado en París.

Comemos filetes de raxo con patacas fritidas, que en tan grata compaña me souberon a gloria. Despois Amancio cantou, acompañándose coa guitarra, a Rosalía, e coa zanfoña o romance de don Gaiferos de Mormaltán. Andaba a preparar a gravación do disco “Caravel de caraveles”, e aquel día, en Segovia, soaron moitas cantigas populares galegas, nas nosas voces.

Meses despois, a directiva do Coro Toxos e Froles, na que eu estaba, contratouno para dar un recital no teatro Jofre. O teatro encheuse ata o galiñeiro, o éxito foi enorme e Amancio sentiuse en débeda permanente con Ferrol. Volveu un par de anos despois e o cheo repetiuse. Amancio estaba especialmente motivado e coido que aquel foi o mellor concerto dos moitos que lle vin. Para celebralo fomos cear a Fene, ao mesón “O Aturuxo” e, ante a cordialidade dos donos, Pedro e María Xesús, Amancio falou en baixo cos músicos, foron ao coche, colleron os instrumentos, e deron outro concerto no comedor. Dende entón, cando ven a Galicia, xanta ou cea no Aturuxo.

Un día a Xunta contratouno para cantar no Jofre aos alumnos e alumnas dos Institutos, e Amancio temeu que non o escoitasen co silenzo que el precisa. Non lle faltaba razón porque o boreo que chegaba ao camerino era preocupante, asi que saín ao escenario e expliqueilles aos rapaces quen era Amancio Prada e canto lle debemos os galegos; o moito que deu, coa súa arte á cultura galega; el, que é galego fronteirizo. Cando Amancio saiu, os rapaces recibírono cunha ovación tan emocionante coma o respecto co que seguiron todo o recital. Aquel foi un dos días que sentín orgullo de ser ferrolán.

Outro foi o pasado día 24, cando Amancio presentou no Jofre “Federico García Lorca. Poeta en Galicia”, á mesma hora que en Lisboa o Real Madrid e o Atlético de Madrid xogaban a final da Champions. Mentres viña de Coruña anguriábame a idea de que, por primeira vez, Amancio Prada non tería público en Ferrol. Imaxinábame na butaca, sen ninguén á dereita, nin á esquerda; volvendo a cabeza para ver se entraba algún outro “cultureta”; porén, cando cheguei ao Jofre e vin a cen persoas facendo cola para entrar, souben que o meu temor era inxustificado. O patio de butacas estaba cheo e boa parte do anfiteatro ocupado, cun público maioritariamente feminino, claro; pero é que sen final da Champions o cheo sería total.

En Ferrol enténdese de canto e apréciase o talento, como o de Amancio Prada, un artista singular; tanto, que de ser un neno do rural berciano, que levaba as vacas ao prado, pasou, de mozo, a musicar o Cántico Espirital de San Juan de la Cruz. Pero esa é outra historia que espero contar algún día.

Deixa un comentario