Digo Paco e non Francisco Vázquez porque a quen queren quitar as medallas os deputados de En Marea non é ao Francisco Vázquez ex-alcalde de A Coruña e ex-embaixador preto da Santa Sede, senón ao Paco que deixou a militancia no PSOE en 2014 e desde entón exerce –di el- “de crispador y a mucha honra”, sen perder ocasión de amolar aos novos dirixentes. Déixase querer por Albert Rivera e acompáñao nos actos que Ciudadanos celebra na Coruña; descualifica a xestión do Goberno no Vaticano sobre Franco e a Almudena; e pásao pipa. Tira a pedra, mostra a man e ri coa risa bronquial do Risiñas, o can pillabán do doutor Pierre Nondouunha, na divertida serie de debuxos animados Autos tolos, tolos. Por certo, Risiñas reloucaba polas medallas e cando lle concedían unha, brincaba, bailaba, abrazábase e levitaba. Seica Francisco Vázquez tamén.
Pois os deputados de En Marea instan ao Goberno a retirarlle as medallas por unhas declaracións na Cadea Cope, o pasado 31 de octubro, nas que considerou “inapropiada” a forma de vestir a vicepresidenta na visita oficial ao Vaticano; e iso “atenta contra a liberdade das mulleres”.
Pregúntome que estraña lóxica pode levar á conclusión de que criticar o vestido dunha señora concreta, nun acto concreto, é un atentado contra a liberdade das mulleres. A min pareceume que a vicepresidenta vestía ben, pero se Paco entende que o escote era demasiado xeneroso, dadas as estritas normas que o Vaticano impón respecto á carne pecadora, como non vai poder dicilo, aínda que sexa para chinchar?
O outro argumento para deixalo sen medallas é que no acto con Rivera conceptuou a Lei da Memoria Histórica de “revanchismo loco” e “remedo de la ley de represión del comunismo y de la masonería”. Para os deputados de En Marea foi “un atentado contra os valores democráticos no noso país”. Home, non; a Lei da Memoria Histórica é cuestionable coma calquera outra e o xeito de levala á práctica moitísimo máis.
O primeiro vestixio franquista retirado polo concello de Madrid, en xaneiro de 2016, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica, foi a placa que recordaba a oito xoves carmelitas, con idades entre 18 e 20 anos, fusilados por un grupo de milicianos no cemiterio de Carabanchel Baixo. O texto dicía: “A la memoria de los siervos de Dios (os oito nomes), religiosos carmelitas fusilados en este lugar el 18 de agosto de 1936. En el XXV aniversario de su inmolación”. A concelleira de Cultura xustificou a retirada da placa pola palabra “inmolación” e porque fora posta na Ditadura. Horas despois o goberno municipal admitiu o erro e repúxoa.
O artículo 1º da Lei da Memoria Histórica alude aos que padeceron persecución ou violencia por razóns políticas, ideolóxicas, ou de crenza relixiosa durante a Guerra Civil e a Ditadura; porén non se retirou en España nin unha soa placa dos responsábeis dos crimes republicanos.
Con razón outro Paco, don Francisco de Quevedo y Villegas, dixo que as leis boas son, pero habendo por medio lexistas, vólvense parvas e sen entendemento.